Os contidos dixitais no ámbito educativo

Standard

Hoxe non é un día de grandes noticias sobre o libro dixital. Está por ver se o iPad acada o mesmo aparente éxito en Europa a partir de maio que nos EUA onde, no primeiro día nas tendas disque vendeu 300.000 unidades. Aínda non comezou a explosión da comercialización de todos eses tablets por baxi dos 300 $ que prometen aparecer no mercado antes do verán e que, con Android á cabeza esperan atinxir unha cota de mercado considerábel e ao mesmo tempo provocar un aumento nas conexións móbiles a Internet e na interconexión sincrónica entre persoas.

A noticia de hoxe para min é que hai varias noticias non especialmente triunfalistas sobre proxectos de inclusión de ereaders e creación de contidos dixitais no ámbito escolar. Tal e como explicou o xefe de contidos de Santillana no último Ficod, as eeditoras levan un tempo a faceren versións en flash dos seus libros de texto para que os profes usen a pizarra dixital na aula, mais isto ten os días contados. Os inmensos depósitos de contidos que atesouraron as editoras durante anos cobran de novo relevancia e convértense nun ben preciado que as novas editoras non poden nin soñar -sempre e cando non se animen a mercalos-. Materiais que se daban por caducos, máis polo soporte en que estaban inseridos que polo seu valor intrínseco, cobran ou poden cobrar nova vida a través da dixitalización e un conveniente proceso de categorización e etiquetado que os coloque á vista nos novos andeis das bases de datos das editoras de contidos educativos. Se a iso sumamos unha interface agradábel, tanto para docentes como para o alumnado, que poida operar como verdadeiro contorno de traballo na aula e na casa, entón a transición para o libro de texto dixital non ten por que doer. Sempre lembro o exemplo dos billetes de avión: se mesmo as persoas que non atopan moitos máis intereses en internet que reducir considerabelmente os gastos nas súas viaxes, son quen de mercar billetes por Internet, entón nada está perdido. É só unha cuestión de ofrecerlles o que queiran mercar, non o que lles queiramos vender.

New e-reader pilot program launched in Germany | The Digital Reader.

Ferramentas Google e Web 2.0 | Aula PPdB

Standard

Este é un pequeno artigo que me solicitaron da Fundación Amancio Ortega hai uns días, xunto cun relatorio sobre as ferramentas de Google, para o profesorado adscrito ao proxecto Ponte dos Brozos, de inclusión das tic na aula.

Ferramentas Google e Web 2.0 | Aula PPdB.

Hai uns anos, moitos menos dos que sempre nunha primeira impresión nos parecen, preparar materiais educativos para traballar con ordenadores na aula significaba basicamente saber programar ou elaborar actividades predeseñadas de Clic ou HotPotatoes. Foron tempos heroicos e grandes esforzos de creatividade por parte dun grupo reducido de docentes. Mais en cinco anos as cousas mudaron considerabelmente e novos recursos, con frecuencia online, sen necesidade de instalar nada, complementaron de maneira poderosa as opcións da creación de contidos en Internet, tamén para o ámbito educativo:

As simples presentacións de Power Point abríronse aos blogues e aos wikis, por poñer só un par de exemplos, e accións para as que até onte era preciso “controlar” de Photoshop ou doutras aplicacións que hoxe xa nin lembramos, podían facerse agora a través de ferramentas web superespecializadas, para cuxo uso xa non era preciso aprender absolutamente nada. Eis a web 2.0.

A web 2.0 facilitou o traballo colaborativo e a sá actitude de compartir o coñecemento, e fíxose patente a máxima de non repetir o que xa está feito. A facilidade actual para publicar en Internet dános acceso a unha gran cantidade de contidos que podemos logo axeitar ás particularidades do noso contorno e que nos revela verdadeiras xoias e recompilacións temáticas de información como esta presentación que utilizamos unhas semanas atrás para a sesión sobre as ferramentas de Google no ámbito educativo:

O éxito das redes sociais, desde as definitivamente orientadas cara ao diálogo como Facebook ou Twitter, ás articuladas en torno a contidos audiovisuais, literarios ou a seleccións temáticas de ligazóns, garante ademais que xa nunca imos perder o fío da actualización dos temas que nos interesan, sexa en forma de noticias, referencias ou contidos concretos.

Xa coñeces Twitter?

Moitos outros vídeos breves e claros sobre os conceptos e servizos básicos en Internet aquí.