Un paseo pola diáspora

Standard

Con moita alegría teño o pracer de reproducir a anotación do meu amigo e no entanto socio Pedro.

Falando de diáspora podiamos falar, se houber quen quixeran, da identidade global galega. O modelo económico liberal do tempo dos caciques deixounos ao noso libre albedrio, e fuximos da miseria en busca de fortuna. Cruzamos o mar e medramos ao carón doutros rios, pero seguimos sendo nós. A vella historia da nosa diáspora que todos escoitamos, e vivimos. Organizámonos alén do mar, onde era posibe, e formamos unha rede de entidades de axuda mutua, un corpo diplomático global para a nosa identidade.

Tamén podiamos repensar os últimos quince anos do fenómeno, a decadencia dos Centros Galegos, os problemas do cambio xeracional, o feito de seren “adiantados pola dereita” por novas formas de achegamento á identidade compartida: podiamos falar de fillos.org, o salto á Rede da diaspora galega, a acollida a miles de irmáns na fala, o traballo desinteresado destes herois da Rede, o status de Centro Galego (un dos máis grandes do mundo, por certo), e da sua chegada a outra illa, blogaliza, despois de moitas navegacións. Tamén, entón, podiamos pensar nos cadernos que estan a agromar na mesma illa: outras olladas, outra perspectiva. Pero non. Falemos de diásporas no dixital.

Quen ten unha conta en Facebook xa sabe que toda a información que alí mete é propiedade de Facebook: fotos, biografia, gustos, afinidades, palabras. Todo. E sabe tamén que a finalidade de Facebook é facer cartos coa sua información. Lembras Matrix, os humanos como baterias e xogadores nunha simulación interactiva? Un Wow no que vives enchufado. Pois eso. A pavorosa obra das máquinas (obras dos humanos) que o Neo e catro gatos máis son quen de chegar a ver cos seus propios ollos (cos “de verdade”). Sentían eles, como obreiros do lugar, algo semellante ao que sentirían os exipcios á vista das pirámides? Que era o que podian sentir os labregos exipcios ao ver as pirámides? Algo semellante ao que nos pasa polo corpo ao mirar ao Gaiás? Dende logo: obras para o tempo. Como Matrix…

Hai meses que un grupo de hackers presentaron o seu proxecto: Diaspora. Unha rede social distribuida. Distribuida? Sinxelo: o “servidor central” non existe. Hai unha enchente de instalacións do servidor espalladas pola Rede, os “pods”, que permiten identificar aos usuarios e darlles cobertura. Se existe un pod, unha instalación de Diaspora, en blogomillo.org, e eu teño un usuario chamado goretoxo nese pod, é posible atoparme dende calquera outro pod buscando a “goretoxo@blogomillo.org“. Fai a proba. Asi de sinxelo. As mensaxes circulan, e podemos amigar con calquera usuario de calquera pod. Unha rede social distribuida.

A dia de hoxe o proxecto esta en forte desenvolvemento e ainda ten moita funcionalidade por escribir, pero xa é instalable: podes montar o teu propio pod e comezar a espallar a semente. Porque o usuario cámase semente (“seed”). Tamén podes crear o teu usuario no pod que prefiras para botarlle unha ollada ao que xa hai, e ao que non: podes comezar a xogar. Pero este é un xogo serio: todo viaxa cifrado. A privacidade e o control da información esta sempre nas mans do usuario. Quen da máis?

Que vai permitir este proxecto? Termos unha rede de facebooks federados dos que poderemos “sacar” os nosos usuarios (exportar o contido é do primeiro que xa podemos facer) para “importalos” noutros. Os usuarios como entidades nómadas, agora si. E, sen necesidade de nomadear, comunicarnos con outros usuarios da rede enteira, alén de fronteiras empresariais.

E vostedes poden probalo en directo, en galego.

Permanencia e redes sociais: blogues, Facebook e Diaspora

Standard



Hai unhas semanas escoitamos falar de Diaspora por primeira vez. O feito de ser anunciada como alternativa descentralizada a Facebook parece que axudou este grupo de estudantes universitarios a difundir o seu proxecto na rede e a conseguir o diñeiro preciso para levalo a cabo. Os 10.000 $ que consideraban o mínimo para se poñeren a traballar víronse axiña superados. Si, a día de hoxe contan con 5.200 achegas que importan máis de 170.000 $.

O que prometen é unha rede social distribuída e non descentralizada, como ben sinala DeUgarte no seu blogue, onde cada usuario terá control absoluto sobre a información que partilla e con quen a partilla. Ademais irá integrando progresivamente servizos externos como Flickr e Twitter.

A noticia está a explotar esta semana en todos os medios e, como sempre, hai quen se pregunta se será Diaspora o Facebook killer definitivo. Eu creo que as killer apps chegan cando a aplicación canónica alcanzou o seu teito, feito que parece ter acontecido en termos xerais con Facebook, tanto polo uso abusivo que fai dos seus usuarios, creo que non tanto pola inclusión de publicidade nin polos termos abusivos do contrato de privacidade que os usuarios asinamos, senón máis ben porque a xente simplemente cansa das cousas se non continúan a ofrecer vangarda e pola obsesión de Facebook de crear un mundo pechado en que se pode “meter” todo pero non se pode “sacar” case nada. Cando integramos, por exemplo, o Facebook Friend Connect nun blogue ou nunha páxina claquera, temos a sensación de estarmos abrindo unha xanela desde o interior do Facebook cara ao mundo, cando en realidade o que estamos a facer é abrila desde o mundo para o Facebook, pouco máis podemos facer, alén de enviarnos mensaxes cos nosos “amigos”. Non podemos indexar contidos, realizar procuras… Só o presente máis absoluto conta para Facebook.
En que dará Diaspora? Chegará a ser proxecto verdadeiramente comunitario a nivel global? Será mercado polo propio Facebook? O tempo dirá.
E por que son importantes os blogues? E por que non van morrer, malia todos os anuncios de defunción que se poidan facer sobre eles? Porque os creadores de contidos, que non hai que confundir cos conversadores, sabemos que é importante mantermos o control sobre o que facemos, gardarmos copias, enriquecer e difundir os nosos contidos mediante ligazóns e cultivar a conversa. Porque non todo é tan efémero como o noso estado de ánimo nun dado momento, por moi interesante que este poida ser para a xente que nos segue, porque construímos en base ao construído, e o que construímos será á súa vez base para os que veñan despois. Unha simple cuestión de civilización.