Google Nexus One

Standard

Dise que sairá mañá á venda e que só se poderá mercar inicialmente se se recibe un convite de Google. Tamén se dicía hai uns días que sería un terminal totalmente libre mais agora parece que será Tmobile quen o comercialicen nos EUA e Vodafone en Europa. Díxose que o prezo do terminal libre sería de 200 $ con 100 $ de crédito en produtos Google para os compradores cunha conta antiga…

O que si se sabe con certeza é que é un modelo de HTC que funciona con Android, que ten 512 Mb de ram, cámara de 5 Mp, pantalla de 3,7” e que soporta 5 escritorios. Sábense de feito todas as especificacións, aínda que agora non veñan ao caso.

Que Android sexa o sistema operativo do Nexus significa que ten unha base software aberta a que calquera desenvolva aplicacións para el, así que o número de xoguetes virtuais para estes aparellos pode chegar a ser unha loucura.

E que tal se levará coa lectura? Eu, que son unha firme convencida de que o móbil en xeral, alén do iPhone, se xeneralizará proximamente como dispositivo habitual e cómodo de lectura, penso que o Nexsus se vai levar fantasticamente ben cos libros. Creo que a maioría dos modelos máis populares de terminais aínda incorporan Symbian ou mesmo sistemas operativos particulares da marca, como moitos dos modelos de LG; por iso é tan complicado facerse con software de lectura agradábel e que funcione ben. Os móbiles con Android son actualmente a mellor opción para os que queremos incorporar o móbil a todas as parcelas da nosa vida que son ou queremos converter en sociais -pola cantidade de aplicacións desenvolvidas xa a día de hoxe e pola potencia da súa cámara, que permite facer fotos e mesmo streaming de vídeo dunha calidade máis que aceptábel- e para os que gustamos de aproveitar calquera momento para ler.

E mentres agardamos que aumente a oferta de ebooks, tanto en títulos como en modos de venda.

Outro día falaremos sobre as aplicacións de lectura de libros.

Y más fotos del Googléfono Nexus One….

Amazon vende, non regala

Standard

Kindle Publishing, herramienta para publicar tu blog en el Kindle | Bitelia.

Xa é posíbel para os autores de blogues incluílos no catálogo de publicacións periódicas de Amazon para o Kindle. O que non poderán facer é usar a rede de Amazon para difundilos simplemente porque están obrigados a poñer prezo á subscrición. O autor recibirá en torno ao 30% dos ingresos xerados polo seu blogue.

O censo do blogomillo

Standard

(Actualizado 19/05/09: a información actualízase a diario e pode consultarse aquí.)

Aínda que nuns días sacaremos os resultados en bonito na portada de Blogaliza, como os datos xa son públicos, imos botarlles un ollo.

aranablogaliza O número de blogues segue a medrar, así que hoxe non falaremos da morte do blogomillo. Vimos publicando unhas 24 anotacións por hora e, como cabería esperar, a maior parte dos blogues están inactivos.

Durante o pasado verán pasamos moitas horas procurando blogues e etiquetándoos convenientemente. Aínda fica moito traballo por facer así que, se tes un blogue podes comprobar se está aquí. Se non aparece etiquetado ou cres que faltan ou sobran etiquetas, podes rexistrarte e facelo directamente. Entre todos podemos facelo mellor e máis rapidamente.

Nos próximos días publicaremos un estudo pormenorizado das estatísticas do blogomillo, até entón, sirva este pequeno petisco para ir abrindo boca.

Enredados

Standard

Esta é unha anotación que escribín para o blogue da miña irmá.

En 2003 comezaron a popularizarse os blogues. Construír unha web de deseño simple cos contidos organizados cronoloxicamente abriu a porta pública a todas as persoas que tiñan algo que dicir. E mudaron a face de Internet, até aquel momento inzada de páxinas estáticas que servían unicamente como medio de contacto ou bases de datos. Servizos como Blogia, Blogger e Blogalia, nun principio, foron secundados por outros como Tumblr e Blogaliza, o primeiro servidor galego de blogues. Un blogue para cada individuo consciente de pertencer á comunidade dos produtores de contidos.

Os comentarios eran habituais e a lectura dos que te seguían de obrigado cumprimento, independentemente do interese propio por uns asuntos ou por outros. Co tempo o número de blogues multiplicouse, os comentarios fixéronse máis escasos, as visitas mesmo nos blogues máis populares, baixaron considerabelmente e en Galiza falouse por ver primeira da morte do blogomillo, entendendo por este a comunidade de blogues escritos en galego. (continuar)