De estrea

Estado

Por fin. Xa o teño. Acabo de trasladar os posts dos meus antigos blogs ao noso servidor para comezar esta terceira etapa de publicacións. Hai moitas razóns, pero entre elas que acabamos a ceder Blogaliza ao seu creador orixinal e antigo socio de Algueirada, Pedro Silva, a través dunha asociación cultural chamada do mesmo modo.

Agora xa non sinto obriga profesional de manter o blog nun lugar que se me fora facendo pequeno porque non podía instalar o que quería nin experimentar con plugins e themes libremente sen poñer en risco o sistema, un sistema que se nos fixo inasumíbel manter, mesmo moito por baixo dos mínimos que nos tería gustado esixirnos.

Desexo o mellor a Pedro Silva e á Asociación Blogaliza nesta nova fase dun proxecto que abriu as portas da autoedición de contidos a moitos centos de persoas e que aínda constitúe o espazo principal de publicación de tantas asociacións, bibliotecas, docentes e, en xeral, autorxs en galego.

Pola miña banda espero, desde este novo caderno de notas público, partillar cousas interesantes, eventos culturais, ligazóns, opinións e imaxes relacionadas con temas que me interesan moito como os libros, as ferramentas dixitais, proxectos culturais novidosos e algúns outros que irei revelando no día a día.

Importei todos os contidos dos blogs antigos para este; parece mentira, 10 anos blogueando xa.

O formato do blog aínda non é definitivo, xa irei vendo segundo as ganas e o tempo me vaian marcando o paso.

Benvidxs á miña casa nova!