Como xestionar as redes sociais

Standard

Actualmente escribo este blogue, que será, mentres dure, o espazo público da miña identidade dixital, independentemente de que faga uso das redes sociais que estean de moda en cada momento. A maiores teño un blogue en Tumblr onde publico basicamente ligazóns que me interesa gardar en orde cronolóxica e que, mediante un botón arrastrado desde a sección Goodies de Tumblr, me permite publicar no blogue de Tumblr a web qu estou a ler en calquera momento. Desde o panel de control de Tumblr pode apañarse un pedazo de código que levei a un widget deste blogue, de modo que cada cousa que envío a Tumblr, aparece na categoría miniposts que se pode ver na barra lateral esquerda do meu blogue de Blogaliza.

Na barra do navegador teño tamén outro botón que me permite subscribirme a calquera web con rss a través de Google Reader, o lector de feeds que, logo de moito experimentar, me parece máis manexábel e completo.

Ademais teño perfil creado en Twitter e en Facebook, e a Facebook envío automaticamente todo o que publico neste blogue, en Twitter (que non é moito polo de agora porque acabo de abrilo), e no blogue de Tumblr. En Facebook é tan sinxelo como introducir na caixa de procuras o nome da rede que desexes integrar no teu perfil e filtrar por aplicacións até atopar unha que funcione ben, que non todas o fan, importando os contidos que creamos nas outras redes. Desde logo podería incluír no blogue os widgets de Twitter e Facebook, do mesmo modo que teño o de Tumblr, mais polo momento aínda non foi unha prioridade.

E por se fose pouco, entre outras cousas teño conta en Qik e en Kyte, dous sistemas gratuítos de streaming móbil de vídeo, estes si aparecen ligados desde o blogue, exactamente na columna da dereita poden verse os dous reprodutores cos que emitir vídeo en directo a través de Internet. Unha vez descargadas as aplicacións desde as webs de cada un, podemos subir vídeos de variábel calidade a Internet, sen necesidade de ocupar memoria no teléfono. Desde logo é preciso contar cunha tarifa plana de datos no móbil. Cada vídeo ten url propia, pode incrustarse en webs, enviarse a redes sociais, e inclúe contador de visitas e posibilidade de deixar comentarios. Qik funciona unicamente con vídeos mais Kyte tamén permite subir imaxes.

Por último por hoxe, gostaría de comentar que, aparte de aplicacións específicas para os móbiles, para publicar texto directamente nos blogues e redes sociais, existen outras que permiten centralizar os diferentes perfís dun usuario nun só lugar. O meu preferido é Pixelpipe porque nin sequera hai que instalar aplicación ningunha senón que se accede vía web e permite enviar de maneira instantánea texto, imaxes e vídeos en todas ou en algunha das redes sociais en que estamos rexistrados. É ben certo que facendo isto Pixelpipe ou o servizo que usemos pasa a ter acceso a todas as nosas claves e que hai quen non o acepta mais, como moitas cousas, é unha opción e ten as súas consecuencias.

Veña, unha máis, que non me resisto: para seleccionar imaxes para as anotacións procúroas habitualmente en Flickr, baixo licenzas Creative Commons; deste modo dou difusión a persoas que o desexan, porque sempre inclúo unha ligazón para os seus perfís en Flickr e sei que non vou ter problemas legais.

2 thoughts on “Como xestionar as redes sociais

Comments are closed.