Os meus primeiros mocasíns

Standard

Levoume tempo rematalos porque este verán me está tocando traballar máis do que pensaba, pero por fin os calcei. Xa teño os meus primeiros mocasíns feitos desde cero. Sei que calquera profesional que os colla nas mans lles achacaría mil defectos mais eu sei que descalza xa nunca andarei.

Mirei uns cantos vídeos en YouTube para aprender as técnicas básicas, merquei a pel na rede logo de moito buscar a 2€/pé en elrastrodelapiel.com; xa me fixera anteriormente con algunha ferramenta (pouca pero boa, como me recomendaran) e merquei tamén un libro de patróns de calzado, porque os de libre disposición non me resultaban convincentes.

E xa está, marcar, cortar, pegar solas, preparar tiras e coser. Síntome como unha cativa con zapatos novos :P

Problema de cobertura wifi solucionado

Standard

Desde hai uns meses teño un Asus Vivobook que non se levaba ben coa recepción da wifi en Ubuntu. Trátase dun portátil cunha pantalla táctil, que hei de recoñecer que non uso demasiado a non ser cando me vexo obrigada a traballar desde Windows 8 e un microprocesador i5. Mirei solucións mais as poucas que me daban esperanzas eran complicadas de máis para min e non parecían funcionar en todos os equipos.

Desde a actualización de hoxe, todo funciona perfectamente. Atrás ficaron os problemas de teclas de funcións e, agora tamén, a conectividade á rede da casa.

Todo en orde.