O pelacho matricúlase, non sen anécdota

Standard

Xa se matriculara antonte o pelacho pero o flamante carné do instituto foi parar á lavadora e hoxe tivo que solicitar un duplicado.

-Dixéronche algo por telo perdido? Algo así como, vaia maneira de comezar ou outra cousa?

-Non, só dixeron, que ben fala este rapaz! Unha que estaba ao fondo e mais o que me estaba atendendo.

-E ti que lles respondiches?

-Que teño un vocabulario amplo.

-E eles riron, claro.

-Riron, si.

Este venres vémonos en Milpedras

Standard

François Davo e Ramiro Torres convidáronme a participar no Encontro MilPedras deste venres. Como non tiña moitos poemas novos rematados aventureime a proporlles cantar catro versións en galego que fixen -algunha con Alfredo Ferreiro- de Cohen e de James Taylor e aceptaron. Entón falei con Tito Calviño, amigo de vello, para ver se se animaría a acompañarme ese día e aceptou.
Hoxe pasamos a mañá ensaiando e apareceu por alí María Xosé Silvar. Non houbo que insistirlle nada para que se unise á festa do venres para cantarmos xuntas Summertime e You Can Close your eyes en galego.
Estou feliz!
Ademais, partillaremos escenario con Ramiro Torres, Eduardo Méndez Baamonde -Dubi, Arturo Casas, Diana Varela, María Martínez e Gosia Trebacz.
Estades todxs convidadxs. Pasarémolo a tope! (eu polo menos, xúrovolo).

O exemplo de Seth Godin

Standard

Un exemplo para examinar con lupa e aprender moito de cada unha das súas palabras. É certo que é un escritor famoso, moi famoso, mais iso non resta mérito á súa proposta. Nas 3 primeiras horas desde a solicitude de financiamento para o seu próximo libro reuniu os $ 40.000 que pretendía conseguir. Hoxe, un par de días despois, leva recadados máis de $ 200.000 xa.

Un vídeo directo e claro, unha exposición franca e ben estruturada e unha colección de recompensas moi apetecíbeis para as persoas que o seguen con interese foron a clave da súa colleita.

Examinar a súa páxina en Kickstarter é mellor que calquera curso de márketing social que se poida facer.

Un poema

Standard

RESET

Lembra, queimamos todas as notas
para non deixar traza
nin das notas
nin do lume
que se consumiu todo
naquela cerimonia de xenuflexións programadas
baixo un mesmo ceo
para todos os postulantes

Lembra, queimamos todas as notas
para esquecermos as cancións
que un día levaron o mundo
cara ao abismo da vertixe
no que xa non nos moviamos
con demasiada soltura
como para seguir cantando despreocupadamente
polos séculos dos séculos

Lembra, queimamos todas as notas
para deixar atrás os números
Non xulgues e non serás xulgada
mais ante todo non xulgues
pois serás severamente castigada se o fas

Lembra, queimamos todas as notas
para non condicionar
as túas expectativas de interpretación
necesariamente sesgadas
e con consecuencias atroces
para o teu pobo

Lembra, o teu deber agora é lembrar
que queimamos todas as notas
para non esquecer.