Verde oliva, de Xavier Alcalá

Standard

Non porque Xavier Alcalá sexa un bo amigo, que o é, senón porque tiven o pracer de ser unha das primeiras lectoras desta novela, quero recomendar Verde oliva a todas as persoas que desexen experimentar unha historia ben contada, un deses libros que non damos soltado nin de pensamento, sobre uns acontecementos que nunca acabaremos de coñecer ao 100%, porque así é a Historia.

Verde Oliva relata os primeiros anos da Revolución de Cuba a través dos ollos de Mariana, galega emigrada que acaba desempeñando un papel activo no Movemento 26J. Unha historia real e veraz narrada pola man experiente de Alcalá a partir do rexistro vital de Juana Maseda, quen lle confiou o seu pasado para que fose coñecido por propios e estraños. Unha gran oportunidade de vermos con lupa un período escuro dese pequeno gran pais que temos tan cerca e tan lonxe.

Aínda que escrita en galego, é a primeira novela de Alcalá que sae á venda antes en castelán, na editorial Nowtilus, mais en poucos días poderase mercar tamén en galego, editada por Galaxia.

Na páxina de Nowtilus podemos acceder ademais a contidos extras da novela, como a Carta de Mariana a Fidel.

ACadaCanto, novo disco de Xabier Díaz, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xose Lois Romero

Standard

Acaba de chegarnos quentiño, ou fresquiño, o novo CD de este grupo de músicos que tanto queremos e que tantas alegrías nos dan. E ademais temos a satisfacción de que decidiron incluír unha versión de La misteriosa, de Santiago Auserón, que adaptamos para galego con motivo da primeira edición de ACoruñaSon, aló polo ano 2008. Moita sorte, amigos; e moita música ACadaCanto!

Hoxe escribo sobre Facebook en praza.com

Standard

“Xa van sendo uns aniños de traballar na rede e unha comeza a estar cansa dunhas cantas expresións ás que se atribúe tanto poder, que parece que o simple feito de mencionalas dota de profundidade a reflexión máis superficial. Certamente, vou cansa de ver unha e outra vez os mesmos refritos de regras, decálogos ou tips para triunfar nos social media; uns redúcense a un feixe de frases e outros ocupan libros enteiros, mais as propostas son exactamente as mesmas.”

Ler o artigo completo.

The Time We Are a-Changin’

Standard

Con certa demora, eis a miña última colaboración para Praza pública. A próxima será sobre as últimas semanas de Facebook.

Se na redacción da Time non eran alleos á polémica que podían desencadear, entón é que esta foi conscientemente provocada, opción pola que me inclino. Con toda probabilidade entre as tendencias ideolóxicas e éticas dos membros do equipo da revista acollen, máis ou menos desenvolvidos, todos os estereotipos de lectores e lectoras que durante estes días teñen discutido na web sobre liberdade, lactación, perversión, exhibicionismo, manipulación, dereitos, inocencia, bioloxía, multinacionais, maternidade, mercado, beleza, explotación, arte, relixión, dereito, provocación, futuro, infancia, desvío de atención, paternidade, corrupción, naturalidade, e moitos outros temas que agora non consigo convocar, mais que poden manter unha relación tan directa co contido da portada como os que menciono.

Si, ás veces os estímulos representados como imaxes fixas que, noentanto, conteñen máis planos que os vídeos publicitarios, contribúen a focalizar temas de debate social que dificilmente poden ser postos sobre a mesa por individuos concretos, sen o risco de resultaren as súas intencións malinterpretadas. Eis a natureza do tabú e a dificultade que atoparía para difundirse como concepto puramente teórico en sociedades onde non existise. A introdución do tabú habería de ser, como imaxino que foi no inicio dos tempos da nosa civilización, un proceso de estilización da forza bruta en velada ameaza permanente que se volve omnipotente e omnipresente cando desaparece o grupo de individuos que a exercen, até que pasa a formar parte da que se considera lei natural ou diso que algúns chaman, aínda en ausencia de deidades, moral.

Analizamos fotos, declaracións, vídeos e iconas, e cremos elaborar o catálogo de elementos socialmente autorizados, sen querer aceptar que sería moito máis simple revisar os conceptos que sustentan os nosos tabús, aínda que as consecuencias fosen, como algúns pensan, imprevisíbeis.

A universidade do futuro está aquí

Standard

Video streaming by Ustream

Agora mesmo, 3 de maio de 2012 ás 11:44, estou a seguir a retransmisión en directo da presentación -realizada co servizo de balde Livestream- do novo centro de estudos na rede creado e impulsado polo MIT e a Harvard University. Trátase do edX, desde onde ambas institucións ofertarán cursos de balde e, a diferencia do que fixo até agora a Stanford University, pioneira da universidade dixital, expedirán certificados de seguimento dos cursos. Polo momento non esperan obter beneficios mais a homologación de títulos podería constituír a súa fonte de ingresos, unha vez consolidado o modelo.

O software da plataforma será liberado e dispoñibilizado para toda a comunidade educativa.

É incríbel escoitar falar os pesos pesados de ambas as institucións cunha convición que me custa traballo imaxinar nos representantes das nosas universidades, e nin sequera falo das galegas senón das europeas. Non sei quen llelo terá explicado mais fica claro para min que saben que o seu futuro non depende de adaptar os seus centros de estudos á súa comunidade de estudantes, aos que xa están matriculados, senón de convidar calquera persoa do mundo que poida dispoñer dunha conexión a internet durante unhas horas ao día, a formar parte da súa comunidade. E, por suposto, o seu futuro depende tamén de contar cunha oferta formativa potente e constantemente actualizada.

Veño de saber que meu primo Álex houbo de abandonar os seus estudos universitarios recentemente porque, ao ser obrigatoria a asistencia física e non poder acumular máis de 5 faltas por materia, xa non pode compatibilizalos co seu traballo no almacén dun centro comercial. Mais, ironías da vida, sempre lle quedará Harvard.