Os tempos que nos tocan

Anotación

Cando estudaba COU veu un amigo propoñéndome a min e a outros amigos que ingresásemos 5.000 pesetas nas contas das dúas primeiras persoas que aparecían nunha lista, que copiásemos a lista de novo eliminando o primeiro nome e engadindo o propio e que fixésemos dúas copias, que debiamos vender por 5.000 pesetas a dous novos amigos. Varias das miñas amigas apuntáronse, por moito que discutín con elas: que non hai nada que se multiplique só, que cando uns gañan é que outros perden, eu que sei, que eu non me metín porque non me parecía honrado nin viábel, así que non había dúbidas.

Tanto me ten quen mo explique e con que nivel de concreción, a situación actual da economía europea lémbrame moito aquela historia do meu COU. Non preciso dicir que, no mellor dos casos, as miñas amigas venderon as súas listas a familiares con máis posibles que elas, ninguén chegou a ver un peso e, como a fin de contas non estabamos a falar de máis que uns miles de pesetas das daquela, o asunto axiña se esqueceu, o que non será o caso europeo.

Sabemos que o sistema non funciona, mais empeñámonos en alongarlle a vida artificialmente, a ver se nos dá tempo a morrer antes que el ou se precipita a identificación definitiva do noso planeta cunha multinacional global. Non andará máis atinada Islandia?

Sinceramente, non quero que se equivoquen máis por min, podo perfectamente coa parte de responsabilidade que me corresponde. Se teño que pasar estreiteces quero estar convencida de que as repartimos equitativamente, aínda que nos afecten de modo diverso, e de que o facemos polo ben común. Quero participar, escoller, decidir, non delegar en persoas ou partidos financiados polas grandes corporacións e polos bancos. En realidade non os necesitamos.