Santiago Auserón, Premio Nacional de Músicas Actuais 2011

Standard

(Escribín este artigo para LVdG a proposta de Rubén Ventureira para a páxina que dedica o Culturas da semana pasada ao Premio Nacional de Músicas actuais 2011. Como este suplemento non se publica na web, non podo engadir a ligazón para a fonte.)

ACS09Unha mañá de 2007 case caín da cadeira ao escoitar no móbil “Hola, soy Santiago Auserón.” O que para min era o mellor creador, intérprete e estudoso da música popular na península chamaba para dicirnos que a proposta de dirixir un certame de música popular na rede, cuxo premio sería a gravación dun disco colectivo e un obradoiro de composición, parecíalle interesante e que estaba decidido a tela en consideración, malia nunca até o momento ter aceptado dar aulas. Tamén me dixo que ficara gratamente sorprendido e agradecido polo facsímil do Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa que acompañaba a nosa misiva. Contoume que o tivera nas mans estando de xira en Portugal con Radio futura e que se tiña arrepentido de non mercalo; nunca pensou que podía acabar nas súas mans dese modo.

Só faltaba atopar financiamento para o proxecto mais, tendo conseguido convencer o único candidato que se nos antoxaba plausíbel, a cuestión económica había de ser de fácil resolución; e así foi. A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña apostou con firmeza polo proxecto e, tras un ano de intenso traballo co mestre, ACoruñaSon08 fíxose realidade, e tamén ACS09 e ACS10, esta última xa sen a dirección de Auserón.

María Xosé Silvar, Mr. Carácter, Tonhito de Poi, Fracasados de antemano, Pablo Díaz e Pulpiño Viascón son só unha parte dos cincuenta músicos que, de forma unánime, destacaron do seu mestre a erudición, as habilidades comunicativas, a implicación e a actitude de seriedade ante o traballo en cada unha das fases da creación artística.

Santiago puxera como condición para asumir a dirección de ACS que, ademais de ensinar o que sabía, el tamén debería aprender algo. Sei que foi así e sei que a pegada que xenerosamente nos deixou, sempre acompañará todos eses artistas que xa forman parte do melloriño da nosa música actual.