O Xuíz Chin rexeita o acordo entre Google e editoras

Standard

Malia recoñecer o enorme interese para a comunidade da proposta de acordo, pola cantidade de libros que serían accesíbeis para o público xeral, o xuíz Chin opina que sería dar a Google demasiado poder sobre as obras orfas e deixar os seus competidores nunha situación de desequilibrio que difícilmente se compensaría co tempo. O caso non está pechado, senón que ambas as partes foron convidadas a revisar os termos do acordo na procura dunha opción que implique menos conflitos futuros que a que vén de ser rexeitada, a través da adhesión opcional en lugar de automática..

Como sempre, están as voces a fovor dos que queren ver un gran número de libros dixitalizados e accesíbeis, con independencia dos plans de dixitalización das editoras e, sobre todo cando estamos a falar de obras e de autores que xa non teñen editora; e pola outra banda, están as voces en contra, os que prometen activar os conflitos que o xuíz quere evitar a toda costa. E no fondo e na superficie o verdadeiro miolo da cuestión, a irracionalidade da Lei de propiedade intelectual, que hai que repensar desde unha base común de honradez e xogo xusto. Moito teñen que mudar as cousas no mundo para que isto aconteza.

E a continuación as ligazóns dos blogues máis relevantes onde se está a comentar a noticia:

Futurebook

Galleycat

Brave New World

Mike Cane

Book Bee

EbookNewser

TeleRead

Sobre a entrevista con Ricardo Cavallero

Standard

Unha selección de citas tiradas da interesante entervista a Ricardo Cavallero en El País, con algunhas matizacións pola miña parte.

  • “El digital supone un gran impacto porque el poder pasa del editor al lector”

Dito así parece case condescendente; eu diría que cada vez resulta máis difícil chegar a vender produtos que os consumidores non desexan mercar, porque internet en xeral favorece a proliferación de alternativas que se poden adquirir a través do comercio electrónico, tanto para tanxíbeis como para intanxíbeis. Neste sentido a industria debe vender o que o consumidor quere mercar, moitas veces facendo un esforzo grande para convencelo de que isto é así, aínda por riba.

  • “hay muchos que en este momento no tienen la fuerza mental para cambiar su forma de trabajar…”

É verdade, hai empresas que teñen a infraestrutura e a experiencia en xestión necesarias para afrontar cambios importantes, dá a sensación de que en ocasións é só falta de vontade.

  • “El e-book como tal no vale nada. Ya nace viejo. Lo importante es la revolución digital, cambiar nuestra forma de trabajar contando con el lector que está al otro lado. Tenemos que entender por primera vez lo que el lector quiere. Hasta ahora hemos vivido en una burbuja de lujo donde podías casi prescindir de lo que el lector quería.”

Na liña do que viña eu dicindo máis arriba, pero para conseguilo é preciso obrar con honradez e claridade, o que probabelmente é unha redundancia. Lin que é frase célebre en Cuba dicir que o estado fai que lles paga e eles fan que traballan. Na utilización e instrumentalización dos social media hai moito disto: hai que estar porque están os outros, pero só para facer que facemos. Non hai fórmulas máxicas válidas para todas as empresas, nin sequera para todas as dun mesmo sector. Cada empresa é un mundo nun momento e así é como hai que tratalas. Os social media crean canles de comunicación pero, como ben sabemos, para que esta exista debe haber un emisor, un receptor, un medio e unha mensaxe, alén de lidar co ruído e as interferencias que conforman unha mesta rede dentro da rede de redes.

  • “Creo que en cinco o diez años el editor será un bibliotecario. Manejaremos un contenido que tendremos que alquilar. Ya no seremos propietarios de algo, sino que poseeremos lo que nos sirvan en el momento.”

Como é que sempre nos preocupamos tanto do que pasará dentro de 5, 10 ou 20 anos coa cantidade de asuntos que temos que resolver agora e que dependendo de como os enfoquemos e os resolvamos chegaremos a unha situación ou a outra dentro deses 5, 10 ou 20 anos? O futuro constrúese desde o presente, non é un meteorito coa caída programada.

  • “liquidamos los derechos por cada ejemplar vendido. Esto ya no puede ser así, como en las películas de cine. La entrada generaba unos derechos para la película. Creo que eso tendrá que cambiar también con respecto a los libros. Es más complicado, porque el cambio se producirá en unos veinte años, posiblemente. Y hoy día el digital ya está generando muchos problemas para los abogados porque es difícil cuantificar el dinero necesario para pagar los derechos. Ese es el problema.”

Se sabemos que o sistema de cobro/pagamento de dereitos de autor, así como as leis de copyright teñen os días contados e hai que reformulalas á marxe da distribución de papel, por que non o facemos xa? É honrado por parte da industria, que di querer protexer os postos de traballo dos seus equipos, negarse á evidencia e preferir consumir os seus recursos, e os da sociedade a través de axudas e subvencións que non van crear alternativas até que o burato sexa tan grande que xa non se pode tapar e é preferíbel comezar de cero? O peor aínda é que non comezarán de cero.

  • Si yo compro elFinancial Times desde la suscripción digital, tengo también derecho a recibir la copia en papel. Igual que un libro. Si quiero venderte el último libro de Murakami y tú compras el libro físico, con el precio que me estás pagando por ese libro tienes derecho a otras opciones: lo tienes en papel, lo tienes en digital.

Creo que nin todo debe ser gratis nin todo de pago, e isto pode aplicarse incluso aos libros. Agora ben, conceptualizar o libro electrónico como un plus para favorecer ou fidelizar a compra en papel paréceme que choca con boa parte do discurso de Cavallero e que non é unha boa opción. Unha vez máis é facer como que facemos, para despois poder queixármonos de que a boa intención non foi suficiente; e claro que non o é porque volve a cometer o erro no que di non caer: vender o que ninguén quere mercar, ou mellor, vender só o que algúns queren mercar e considerar inimigo a todo a quen non convenza a súa proposta. No way!

  • “El miedo empieza cuando empiezas a olvidarte de esto y subes la producción para llegar a una facturación que es efímera, a recoger devoluciones…; es entonces cuando el mar te hunde y acabas como en la película La tormenta perfecta.”

Esa estratexia foi a primeira causa da crise editorial, para min moito antes en tempo e importancia que a explosión dixital.

  • “Tenemos que cambiar nuestra mentalidad, saber construir una estructura económica que pueda aguantar este cambio. Si no somos capaces, no mereceremos seguir como editores. Eso se llama selección natural.”

Sempre poderán traballar para as editoras que están a construír un verdadeiro camiño do S. XXI.

Vento Lois

Standard

Foi un exitazo. Cando unas 400 persoas se reúnen un domingo pola mañá do día máis lindo do ano até o momento para lembrar a Lois Pereiro e ler os seus poemas, é que algún potente interese as une, como creo que é o caso co Día das letras 2011. Moitos amigos que había ben tempo que non viamos, un teatro Rosalía que fervía, moitas voces lembrar a voz dun deses grandes que marchou demasiado cedo.

Alfredo gravou un vídeo que editaremos nos próximos días mais como petisco vou deixa aquí o vídeo do streaming co meu teléfono móbil, que algo é algo.

Achegarte 2011

Standard

O 2 e o 3 de abril terá celebrarase a 2ª edición de Achegarte, a festa da cultura organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Polo que nos contan, o programa está xa completo, inzado de petiscos de espectáculos escénicos, presentacións de libros, conversas con creadores e creadoras e obradoiros especialmente orientados este ano ao público máis novo. Tamén son moitas as librarías, asociacións e editoras que terán os seus espazos en Achegarte para exhibir os seus traballos e as súas iniciativas. Nós recuncaremos cun stand de Blogaliza, dispostos a falar de blogues e de todo o que teñan a ben as nosas visitas.

Este ano ademais, ponse en práctica un exercicio de reflexión ao que estamos convidadas todas as persoas que nos sentimos parte da cultura galega a través do Foro sobre o estado da cultura. O plan é reunirmos ideas e conversar durante os días previos a Achegarte e despois alí en Palexco, reunirmos para sintetizar e redactar esas ideas en forma de manifesto para cada unha das áreas de actividade cultural. Gravaremos en vídeo as lecturas de todos os manifestos e darémoslles ampla difusión para elevar a voz común sobre o que os nosos logros, sobre o que nos preocupa, sobre o que nos limita e sobre as nosas necesidades. Gustaríame convidarvos a participar con comentarios, con preguntas, con queixas, con propostas. Máis que nunca é importante facernos escoitar.