Pensódromo[21]

Standard

Pensódromo[21], o novo proxecto dos Odell está en marcha. Un enfoque creativo e adaptado aos tempos para o mundo editorial. Cada libro é un todo que hai que tratar con afecto e atención, que se comporta de forma única e que ten un percorrido intransferíbel.
Desde Algueirada sumámonos ao seu entusiasmo e a colaborar na súa difusión.

Parabéns, amigos, e moita sorte nesta nova andaina!

O’Reilly Tools of Change

Standard

Breves notas sobre o referido acerca do O’Reilly TOC en Teleread e Publishing Perspectives. (Por certo, edita e vende moitísimos os libros, e todos sen DRM)

Sobre a venda de ebooks infantís: aínda non está claro como facelo. Se das cupóns promocionais de 12 díxitos ninguén os usa. O modelo de subscricións parece estar funcionando en colexios e bilbiotecas pero será máis rendíbel cando haxa menos contidos infantís de balde en internet. Canto aos contidos online, como a maioría sestán en Flash, o iPad non pode reproducilos e isto supón un hándicap importante.

Necesidade de novo proceso de produción para os ebooks: xa non serve crear un ebook a partir da maqueta deseñada para o papel, un novo proxeso optimizado é necesario. No artigo detállase o caso de Simon & Schuster.

Subscricións na tenda Apple e Google One Pass

Standard

Actualizado 16/02/11 ás 21:41 despois dun cruce de correos con Luis Collado, responsábel de Google Books en España, quen me aclara o seguinte:

-Está por confirmar en que casos Google ingresará só o 2% da transacción ou unha cantidade maior.

-Polo de agora One Pass é unha pasarela de pagamentos e de administración dos pagamentos, con opción de subscricións, dirixido unicamente a editores de prensa, non de libros.

-Portanto, non está asociado a ningún tipo de CMS online, senón que os contidos están aloxados nos servidores dos editores.

-En España xa hai un grupo de comunicación a facer probas co sistema.

Co recén anunciado sistema de subscricións de Apple para publicacións períodicas, os usuarios xa non terán que pagar separadamente cada número dunha revista ou dun xornal, senón que a editora pode pasar o cargo ao cliente  diaria, semanal, mensual ou anualmente. Espérase así evitar casos como o da revista Wired, cuxos 100.000 exemplares vendidos o día da súa saída, ficaron reducidos á cuarta parte ao longo dos días. A editora fixa o prezo libremente e Apple ingresa o 30% das vendas. As editoras poden ofrecer as mesmas subscricións desde fóra da tenda de Apple, pero nunca cun prezo máis baixo. Iso quere dicir que non poderán xogar fóra coa marxe de Apple. Hai no anuncio tamén unha frase que está a ser comentada nos medios especializados: “As editoras non poden incluír na publicación ligazóns a sitios externos onde os usuarios poidan mercar o mesmo artigo.”, privando así os provedores de contidos, pois non só afecta ás editoras e librarías como Amazon, senón tamén a outros servizos por subscrición como Netflix ou Hulu, de redirixir tráfico cara ás súas propias páxinas de venda. Unha aposta forte de Apple confiada na súa posición de vantaxe, que podería chegar a reconsiderar en función dos avances do Android Market.

Por outra banda, Google anunciou onte One Pass, un servizo de aloxamento de contidos para o seu consumo online dirixido ás editoras pagamento e xestión de pagamentos dirixido a editoras de prensa. Parece que estará dotado dun CMS flexíbel e unha pasarela de comercio electrónico que permite subscricións e pagamentos puntuais a través de Google Checkout. Aparentemente, Google non cobrará ningunha porcentaxe do prezo fixado polo vendedor, senón que percibirá arredor dun 2% de todas as transaccións efectuadas a través de Google Checkout, como vén facendo con ese servizo. As editoras poderán importar os seus usuarios a través dun sistema de cupóns. Os usuarios pagan unha vez e poden acceder aos contidos desde calquera dispositivo, PC ou móbil, co seu identificador.

O servizo é ofrecido inicialmente en Canadá, Francia, Alemania, Italia, España, Reino Unido e nos EUA e a páxina xa ofrece todas estas linguas.

Aprobouse a Lei Sinde

Standard

Finalmente aprobouse onte por ampla maioría. O peor para min deste asunto, ademais do recorte de libertades que supón, unido ao escaso efecto que obterá sobre os fins que persegue, é que teño a sensación de que é unh alei aprobada por persoas que non teñen nin idea do que se traen entre mans, que, polo menos neste aspecto, estamos gobernados por ignorantes. Había quen dicía no Twitter, a raíz do discurso de Alex de la Iglesia na entrega dos Goyas, que o discurso fora coherente e brillante, mágoa que 9 de cada 10 presentes e compañeiros de gremio, non entenderan nin palabra.

SGAE, ebook galego, Gómez Jurado e Marta de GH

Standard

Hoxe tiña para catro anotacións mais, dada a hora e o intenso do día, vouno deixar nun cóctel de dous pares… de reflexións.

SGAE: estamos rematando de coordinar a produción do disco de ACS10, ben, pois hoxe tiven que explicar aos gañadores do ano pasado que, aínda que non sexan socios da SGAE, aínda que ofrezan as súas cancións con licenza CC, as fábricas que imprimen os CDs non dan un paso se non se lles presenta un documento orixinal e asinado por todos os autores segundo estes declaran que non son socios da sociedade de xestión e que desexan renunciar a que dita sociedade privada xestione os dereitos da obra editada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Sen ese documento a fábrica de CDs exponse a recibir unha visita da SGAE reclamando 0,30 € por cada copia impresa. Até cando teremos que soportar este abuso?

Ebook galego: hai días escribín unha anotación dando noticia do proxecto islandés de dixitalización da súa literatura que, de ir para adiante, ofrecerá os 40.000 títulos que a compoñen a toda persoa que desexe lelos. Desde logo, outros modelos son posíbeis, mais o urxente agora é crear catálogo, moderar os prezos e non integrar sistemas anticopia que, lonxe de asegurar o negocio, dificultan as transaccións. É preciso proxectar a literatura galega cara a fóra, traducir e difundir. Cantos escritores galegos viven da literatura? o número non aumentará grazas ao DRM. Prezos axustados, estruturas lixeiras e adaptación aos tempos.

Gómez Jurado: por se alguén aínda non está ao tanto, Alejandro Sanz, músico subvencionado por nós, como tantos, que non paga impostos en España, así que nada do que recada a SGAE para el fica no país, botou sapos e culebras contra as descargas indiscriminadas, alegrouse pola aprobación da lei Sinde e acusou os internautas desalmados da fame en África, nada menos. Gómez Jurado -que ten unha páxina web ben fea, por certo-, predicando co exemplo, abriu coa colaboración dos seus seguidores de Twitter unha páxina chamada 1 euro, 1 libro, onde ofrece desde o pasado xoves unha das súas novelas a cambio dunha doazón a partir de 1 euro para Save the Children. Os piratas desalmados levan fornecido 40.000 €. Gómez Jurado, que si paga os seus impostos en España, retou a Alejandro Sanz a ofrecer un dos seus discos polo mesmo método mais, que eu saiba, aínda non tivo resposta.

Marta GH: e por último quero deixar un apunte non sobre Marta de GH, senón sobre a cantidade de esforzos e enerxías que gastamos ás veces en tentar dar leccións a persoas que non queren escoitar e que non cren que teñan nada que aprender. De verdade, paso de Marta de GH, das barbaridades que teña dito e dos correos e avisos que recibo para argumentar, batallar, debatir e educar alguén que sae nun programa que non me interesa nin o máis mínimo e que non representa a ninguén alén de si mesma, afortunadamente.

Galileo e a monarquía

Standard

O primo J. conferenciaba para a súa irmá, a prima P.

-Arteixo está en Coruña, Coruña en Galicia, Galicia en España, España en Europa e Europa no planeta Terra. A Terra xira arredor do Sol e están na Vía láctea. Na Vía láctea hai máis planetas: Mercurio, Venus, a Terra, Marte, Xúpiter, Saturno…

Entón interveu a mai dos primos.

-Sabedes, Xúpiter tamén ten lúas e Galileo foi o primeiro en velas.

Entón o primo J. preguntou.

-En que ano foi?

-En 1610

-E que día?

-O 7 de xaneiro. Viunas co seu telescopio.

Entón a prima P. tivo unha das súas saídas gloriosas.

-OHHHHHH, que llo trouxeron, os reis?

Shakespeare para ignorantes

Standard

O pelacho e eu asistimos hoxe á representación de Shakespeare para ignorantes no Forum -poría a ligazón para a ficha na páxina da AGADIC, pero como non hai versión en galego, por moito que se indique que si, non o vou facer-. Aínda que o pelacho diga que só comprendeu 1/3 do que alí se contou, os dous escachamos de risa durante toda a representación. A sala estaba chea, chea e entregada a un espectáculo que nada tiña que envexar aos mellores filmes de Woody Allen. Cunha escenografía mínima composta por un “dispositivo escénico” de pano que pasou por barco, leito, trono e unha chea de usos máis, e puñais, candeeiros, gorros variados e até un bebé manufacturados todos en papel de xornal, Mofa e Befa escenificaron os exemplos demandados polo doutor Cadaval para dar vida aos enredos e ás paixóns retratados por Shakespeare nas súas obras menos coñecidas.

Case dúas horas do mellor humor para todos os públicos, unhas interpretacións maxistrais que se moven axilmente entre o tráxico e o cómico, bordeando o académico, con tres dos nosos mellores teatreiros como protagonistas. Se aínda tedes ocasión de vela, non o dubidedes. Absolutamente xenial!

Adaptarse aos novos tempos

Standard

Eis o artigo que me pediron para a Tempos deste mes sobre internet e a propiedade intelectual.

“Na segunda metade do S. XX, para escoitar música había que mercar un CD, para ler unha novela había que mercar un libro en papel e para ver un filme había que mercar ou alugar un DVD. O aviso de prohibición de reprodución aparecía en todos os artigos mais a copia privada acabou sendo un dereito. A técnica avanzou e fixo posíbel reproducir discos e fotocopiar libros na casa. Aínda así era máis barato fotocopiar un libro nunha tenda de fotocopias, polo que a industria editorial acabou conseguindo que se aplicase un canon ás máquinas fotocopiadoras, para subsanar as perdas que as editoras atribuían ao fotocopiado dos seus libros. O canon aplicouse a moitos dispositivos electrónicos que permitían copia e almacenamento de contidos dixitais, e os cartos que xeraba ían parar a asociacións de xestión de dereitos de autor. Autorizaba o canon a libre reprodución dos contidos comerciais? Non, só a copia privada, que pasou a ser un dereito do comprador. En que se baseaba a aplicación do canon entón? Na compensación do “mal” uso que o comprador podía facer da súa compra. Pero entón, pagando o canon lexitimábase ese uso do produto comprado? Tampouco. Paradoxos da vida.

Durante uns anos as entidades de xestión de dereitos manexaron cantidades de diñeiro considerábeis, que repartiron e investiron como consideraron oportuno até que recentemente os seus ingresos comezaron a diminuír de modo alarmante. Foi nese momento cando reclamaron unha lei que as “protexese”.

Entrementres os internautas descubriron que podían partillar contidos a través da rede, que podían organizarse para non repetiren o mesmo traballo innumerábeis veces e que era importante defender o dominio público. Descubriron tamén que as industrias de contidos tiñan un modelo de negocio baseado na distribución física que comezaba a deixar de ter sentido coa revolución dixital.

Empresas como Amazon, Apple, Spotify decidiron aproveitar a oportunidade dixital e comezaron a comercializar novos produtos con novos prezos adaptados a unha clientela que non variara tanto nestes poucos anos pero que contaba con ferramentas de consumo, de compra e de participación das que non dispuña dez ou quince anos atrás. Venda de cancións soltas, libros a prezos reducidos, consumo online de música, filmes e libros sen necesidade de descarga previa, etc.

Ao seu carón, moitas empresas consolidadas no S XX quixeron facerse fortes no seu modelo de negocio de distribución física e trasladaren os seus formatos sen mudanzas a internet, o que moitos chamaron desfortunadamente manteren a súa cadea de valor. A industria da distribución de contidos está en crise como tantas outras simplemente porque xa non funciona, como aconteceu co carbón cando chegou o petróleo, porque non reducir os custos cando é posíbel non leva a ningures.

A lei Sinde non saiu adiante porque a cidadanía non quere que se pechen páxinas web sen a autorización dun xuíz. En internet nin todo é de balde nin se pretende pero é preciso e urxente un debate a fondo sobre as leis de propiedade intelectual que defendan os produtores, os distribuidores e tamén os consumidores de contidos, adaptadas aos novos tempos, aos novos medios e centradas na propia cultura, non unicamente na industria.”