Dixitalización da literatura dun país: o caso islandés

Standard

Paul Biba está en Islandia asesorando o goberno para deseñar e poñer en práctica o proxecto de dixitalización dos 50.000 títulos que forman a literatura islandesa. 2 anos, 12 persoas, asesoramento do Internet Archive e financiamento dun mecenas. A idea é poñer á disposición dos lectores para sempre todas as obras literarias islandesas. A única condición para os lectores será probabelmente acceder aos libros de un en un, porque os usuarios tamén forman parte do proxecto e existe interese por monitorizar ao detalle o uso que fan dos contidos que o proxecto pon á súa disposición. Se finalmente se leva a cabo, Islandia sería o primeiro país do mundo que tería toda a súa literatura online.

Sería un proxecto adecuado para a literatura galega? Eu creo que si, por dimensións e por interese, tanto para a industria como para a propia cultura. Iso si, requiriría certos cambios de perspectiva, particularmente no que atinxe ao medio e longo prazo, e unha reformulación dunha industria que aínda non está a atravesar o seu peor momento, mais todo pode chegar, e antes do que pensamos.

O tempo pon a cadaquén no seu lugar, mais a intención con que Islandia está a acometer e tentar resolver os seus serios problemas económicos e financeiros paréceme, desde logo admirábel e con grandes posibilidades de progreso.

No día da paz a pelacha reflexiona

Standard

-Mamá, como se chamaba ese señor que morreu porque o mataron?

-Ein?

-E creo que morreu antes de nacer ti.

-Se non me dis algo máis non sei quen pode ser.

-Que morreu porque o mataron e que foi o que inventou a paz.

-Será Xesús?

-Non.

(Entón lembrei que ao pelacho andaban a poñerlle estes días o Gandhi de B. Kingsley)

-Será Gandhi entón? Sóache?

-Si, ese. Ti coñecíchelo?

-Non, neniña, eu non :D


Os ebooks nas bibliotecas

Standard

Falo con moitas bilbiotecarias preocupadas por se actualizaren e a impresión que tiro é sempre a mesma. Están até arriba de tarefas que saben que xa son obsoletas pero que non se poden simplemente abandonar, senón que precisan dunha reformulación ou dunha reorganización de tempos, espazos e medios. Por outra banda, o préstamo de ebooks é practicamente imposíbel aínda, disque, porque as editoras aínda non teñen decidido como desenvolver a súa venda para as bibliotecas. As experiencias redúcense na maioría dos casos que coñezo ao préstamo de ereaders cargados cunha selección de libros de dominio público; a intención é indiscutibelmente boa, mais o alcance destas propostas é necesariamente escaso, porque non pasa dunha présa a cantidade de lectores que unha biblioteca pode asumir mercar e ademais, polo que vou comprobando de primeira man e percibindo por outros moitos usuarios, son aparellos delicados tanto de corpo como de corazón, o que fai que sexa preciso reinstalarlles o firmware de cando en vez ou envialos ao servizo técnico, sobre todo cando pasan por moitas mans.

Que poden facer as bibliotecas? Está claro que neste momento non poden contar cos catálogos das editoras e que estas, loxicamente, van ofrecerlles os seus produtos, non crear os produtos que as bibliotecas demanden a medida, incluído o DRM de Adobe, do que se di que ten máis dun 40% de transaccións problemáticas. Entón, que se pode facer con poucos recursos se teñen claro que o que teñen que dedicar é tempo ao libro dixital? Realmente moitas cousas, pero eu escollería inicialmente unha: Especializarse en ofrecer libros de dominio público e todos os de licenzas abertas que o permitan, adecuadamente catalogados e con recomendacións por perfís de usuarios. Para isto é preciso:

-Un plan: saber que se pode conseguir cos medios con que se contan nun prazo concreto. Marcar obxectivos e prazos é fundamental, as reunións presenciais non o son.

-Traballar en colaboración. E non é necesario un programa estatal para isto porque existen ferramentas de balde: xestores de proxectos e de tarefas, wikis, blogues, redes sociais. Organizar distintos equipos de traballo cun lugar común de encontro e contar cos usuarios das bilbiotecas que queiran participar; non é preciso ser bibliotecario para colaborar.

-Unha aplicación de lectura online. A poder ser que permita lectura social, aínda que esta sempre se pode desenvolver por outras vías. Hai varias aplicacións libres e, aínda qu eprecisarían certo traballo de desenvolvemento e adaptación, estou certa de que existen persoas e comunidades dispostas a colaborar.

-Organizar todo o catálogo de libre distribución nas 4 linguas do estado engadíndolle a información e os estándares de catalogación de que dispoñen as bibliotecas.

-Usar as estatísticas de préstamos das bibliotecas para elaborar un sistema de recomendacións útil para a comunidade de usuarios.

-Organizar clubs de lectura e actividades de dinamización a través da rede contando, como non pode ser doutro modo, coa comunidade de usuarios para o seu deseño e posta en práctica.

E non é imposíbel, claro que non!

Clubs de lectura, bibliotecas, amigos, conversa…

Standard

Hai semanas Amazon anunciou que sería posíbel prestar os ebooks para o Kindle baixo as condicións de que o préstamo se levaría a cabo unha soa vez con cada título, que sería por 14 días e que o propietario do exemplar perdería o acceso ao libro durante o tempo que este estivese prestado. Moitas foron as voces que se levantaron son contra destas restricións; a crítica que subxace é que aínda que che concedan algunha graza, un comprador de contidos en forma de ebook non é posuidor de nada, senón usuario dun servizo que a empresa provedora podería desautorizar en calquera momento. O caso é que xa existe o club oficial de préstamos do Kindle e, tal e como debeu planificar o xigante da distribución de textos, que non de contidos en xeral, está a funcionar disque fantasticamente ben. A clave está, como en tantos asuntos, no número de usuarios activos. Xa non é pensar a cal dos meus amigos lle pode interesar ler o libro que eu merquei e que me ofrecerá a cambio, senón que nunha comunidade grande de lectores, seguro que hai quen ten libros que a min me interesan e, se cadra, até podemos acabar falando deles. Os rankings funcionan, e se se incentiva o préstamo, tamén se incentiva a compra de novos libros que poderás prestar á súa vez.

Un paseo pola diáspora

Standard

Con moita alegría teño o pracer de reproducir a anotación do meu amigo e no entanto socio Pedro.

Falando de diáspora podiamos falar, se houber quen quixeran, da identidade global galega. O modelo económico liberal do tempo dos caciques deixounos ao noso libre albedrio, e fuximos da miseria en busca de fortuna. Cruzamos o mar e medramos ao carón doutros rios, pero seguimos sendo nós. A vella historia da nosa diáspora que todos escoitamos, e vivimos. Organizámonos alén do mar, onde era posibe, e formamos unha rede de entidades de axuda mutua, un corpo diplomático global para a nosa identidade.

Tamén podiamos repensar os últimos quince anos do fenómeno, a decadencia dos Centros Galegos, os problemas do cambio xeracional, o feito de seren “adiantados pola dereita” por novas formas de achegamento á identidade compartida: podiamos falar de fillos.org, o salto á Rede da diaspora galega, a acollida a miles de irmáns na fala, o traballo desinteresado destes herois da Rede, o status de Centro Galego (un dos máis grandes do mundo, por certo), e da sua chegada a outra illa, blogaliza, despois de moitas navegacións. Tamén, entón, podiamos pensar nos cadernos que estan a agromar na mesma illa: outras olladas, outra perspectiva. Pero non. Falemos de diásporas no dixital.

Quen ten unha conta en Facebook xa sabe que toda a información que alí mete é propiedade de Facebook: fotos, biografia, gustos, afinidades, palabras. Todo. E sabe tamén que a finalidade de Facebook é facer cartos coa sua información. Lembras Matrix, os humanos como baterias e xogadores nunha simulación interactiva? Un Wow no que vives enchufado. Pois eso. A pavorosa obra das máquinas (obras dos humanos) que o Neo e catro gatos máis son quen de chegar a ver cos seus propios ollos (cos “de verdade”). Sentían eles, como obreiros do lugar, algo semellante ao que sentirían os exipcios á vista das pirámides? Que era o que podian sentir os labregos exipcios ao ver as pirámides? Algo semellante ao que nos pasa polo corpo ao mirar ao Gaiás? Dende logo: obras para o tempo. Como Matrix…

Hai meses que un grupo de hackers presentaron o seu proxecto: Diaspora. Unha rede social distribuida. Distribuida? Sinxelo: o “servidor central” non existe. Hai unha enchente de instalacións do servidor espalladas pola Rede, os “pods”, que permiten identificar aos usuarios e darlles cobertura. Se existe un pod, unha instalación de Diaspora, en blogomillo.org, e eu teño un usuario chamado goretoxo nese pod, é posible atoparme dende calquera outro pod buscando a “goretoxo@blogomillo.org“. Fai a proba. Asi de sinxelo. As mensaxes circulan, e podemos amigar con calquera usuario de calquera pod. Unha rede social distribuida.

A dia de hoxe o proxecto esta en forte desenvolvemento e ainda ten moita funcionalidade por escribir, pero xa é instalable: podes montar o teu propio pod e comezar a espallar a semente. Porque o usuario cámase semente (“seed”). Tamén podes crear o teu usuario no pod que prefiras para botarlle unha ollada ao que xa hai, e ao que non: podes comezar a xogar. Pero este é un xogo serio: todo viaxa cifrado. A privacidade e o control da información esta sempre nas mans do usuario. Quen da máis?

Que vai permitir este proxecto? Termos unha rede de facebooks federados dos que poderemos “sacar” os nosos usuarios (exportar o contido é do primeiro que xa podemos facer) para “importalos” noutros. Os usuarios como entidades nómadas, agora si. E, sen necesidade de nomadear, comunicarnos con outros usuarios da rede enteira, alén de fronteiras empresariais.

E vostedes poden probalo en directo, en galego.

Predicións sobre ebooks e social media en 2011

Standard

Coa velocidade á que se suceden os cambios tecnolóxicos, cada vez hai máis publicacións que se animan a facer predicións sobre as tendencias e os avances do ano seguinte. Logo de recompilar as que me pareceron máis relevantes sobre o libro electrónico e os social media, paso a escribir unha relación da que, con certeza, sairán os resultados da quiniela de 2011. Ao final da anotación aparecen as fontes consultadas -con tradución automática para galego das escritas orixinalmente en inglés-.

Sorprende que a impresión a demanda non apareza como unha das pedras de toque de 2011 pero, se cadra, as cousas van ir tan rápido que non vai dar tempo a consolidar un negocio baseado no papel que teña como clientela unicamente o usuario final individual. Tampouco os futurólogos falan moito sobre a lectura na nube, nin sobre os servizos de subscrición, talvez porque pensan que a súa madurez non chegará até pasado ao ano en curso. O DRM parece que tampouco é tema permanente de conversa xa, nin o préstamo de libros entre usuarios, nin, portanto, o debate sobre se os contidos son adquisicións ou utilización de servizos. Será que en 2011 van mudar menos cousas no sector editorial que no resto do mundo? Se a predición de que a finais de 2011 1 de cada 5 libros vendidos será dixital, coa que parecen estar de acordo case todos os gurús, porque está calculada sobre as cifras de crecemento de 2009, fose acertada, non deberían producirse moitos máis cambios nestes aspectos de acabo de sinalar como ausentes das predicións máis consensuadas? Eu creo que si.

1. Soben as vendas de eobboks até o 20% do mercado editorial.

2. Os axentes gañan relevancia.

3. A autoedición tamén aumenta en títulos e en vendas.

4. A competencia fai baixar os prezos dos ebooks.

5. Bibliotecas, arquivos, galerías de arte e museos acabarán por converxer.

6. As editoras continuarán a negar os seus catálogos dixitais ás bibliotecas por non atopar modelo de negocio sustentábel con elas.

7. As identidades dixitais dos usuarios evolucionarán cara a contornos 3D

8. Será o ano da integración: aparellos, aplicacións, redes, etc.

9. O vídeo é o rei. (Comentario meu: polo momento só a tenda e a app de lectura de Apple permite incluír reproducir nos ebooks)

10. Expansión dos medios sociais con obxectivos políticos.

11. As grandes compañías darán os primeiros pasos para atopar novos camiños (por fin).

12. Desenvolvemento das compras en grupo.

13. Google tentará competir con Facebook a través dunha nova ferramenta relacionada con Gmail ou a través da compra dunha empresa grande.

14. Segue caendo a prensa en papel até a súa desaparición antes de 2020.

15. O móbil como ferramenta de comunicación, información e pagamento.

16. Experimentos con novos modelos de negocio para o sector editorial.

17. Os tablets e lectores baixarán de prezo.

18. Desembarco do libro enriquecido.

19. Deixará de ser tema de conversa xeral a crise do mercado editorial e será substituído polo das iniciativas innovadoras.

20. As vendas de literatura para adultos novos aínda medrarán máis.

Predicións de Smashwords para 2011

1ª entrega de predicións de Librarians matter para bibliotecas

Librarians Matter en galego

Predicións de Mari Mar Jiménez en 5 Días

Carles Dijous sobre a web e o vídeo dixital

Predicións de Microsoft en 2000 para o libro electrónico en 2010

Predicións de Microsoft en galego

5 predicións de Mark Coker para o libro electrónico en 2011

Mark Coker en galego

Social Media Predictions 2011

Predicións de Paperblog e análise do estudo anterior

Predicións de DosDoce para o sector cultural en 2011

6 predicións de ReadWriteWeb

ReadWriteWeb en galego

Publishing Perspectives

Publishing Perspectives en galego

Online College

Online College en galego

40 cousas que hai que seguir en 2011 segundo Mashable en inglés

Mashable en galego

A base de pomodoros

Standard

Aínda que non son moi dada aos propósitos de ano novo, o comezo de 2011, a necesidade de moverme un pouco máis e Pedro suxírenme experimentar a técnica Pomodoro e alá vou. Desde onte apunto as tarefas do día nunha lista e desdobro en dúas ou en máis as que penso que me van levar máis de 25 minutos. Coa extensión para o navegador Chrome Chromodoro inicio a primeira da lista e recibo un aviso sonoro cando pasaron 25′. É o momento de deiar a cadeira e dedicar 5′ a facer estiramentos e lembrar os taos de Kung Fu esquecidos durante case 10 anos, até que un novo aviso me indica que debo retomar o traballo na tarefa seguinte. E así vai transcorrendo a xornada, co traballo organizado e pechando xanelas que doutro modo teño demasiada tendencia a deixar abertas.

Estamos a experimentar esta técnica cun interese especial por aplicala a un proxecto de formación que estamos a desenvolver para un cliente. Parece que 25′ pode ser unha medida adecuada para facer e rematar actividades nun contorno e ficar coa sensación de termos aproveitado o tempo sen perdernos.

Alén dos xestores de proyectos que moitos equipos e individuos empregna para levar adiante o traballo dunha maneira organizada, utilizades algunha técnica concreta de xestión do tempo para as vosas sesións de traballo no ordenador?