A voltas cun Inves E-Book 500

Standard

Onte mercamos un lector de libros para meu pai cunha serie de requirimentos: lixeiro, pequeno, simple, sen wifi, nin 3G, nin pantalla táctil e, depois dos problemas que tivemos co Cooler e co Kindle, que tivese un servizo postvenda rápido e eficiente. Así acabamos cun E-Book 500 nas mans.

Por un descoido desconectei o lector mentres se estaban a copiar varios ficheiros na súa memoria e desde ese momento xa non foi posíbel borrar nin engadir nada na memoria interna do lector. Obviamente o reseteo non serviu de nada e, cando comecei a investigar polos foros descubrín que non é posíbel descargar o firmware deste modelo e que xa había quen tivera o mesmo problema, como non. A solución era descargar o firmaware doutro lector que en realidade é o mesmo aparello, o Booq Pocket, e instalalo no E-Book 500.

Nesas ando neste mesmo instante. “Please power on the device to check the firmware version”. Vouno facer a ver se me foi concedida unha segunda oportunidade.

FUNCIONA!

Como se pode ver na imaxe, o aparello é da marca Inves e a versión do sistema operativo agora é a do Booq.

Por que EL Corte Inglés non ofrece a descarga do firmware? Preferirá que os clientes lles fagan unha nova visita aínda que sexa a desgana?

Queres probar Open Kitchen?

Standard

Acabo de recibir un correo do amigo Rodrigo Varela onde me conta que a aplicación para iPhone Open Kitchen, que leva varios meses coordinando, pode descargarse de balde até o 24 deste mes. A intención dos autores é recoller opinións para mellorala de cara á próxima versión. Se vos apetece colaborar, podedes transmitirlles as vosas ideas a través da páxina da app os dos seus perfís en Facebook e en Twitter.

Open Kitchen contén 250 receitas de cociña fornecidas por 18 blogueiros gastronómicos “para días de praia e campo, celebracións, momentos cotiáns…”

Autonomía e duración da tinta electrónica

Standard

Autonomía e duración non son a mesma cousa e, se ben a fronteira por riba das 12 horas para o caso da primeira deixa de parecerme relevante, que o primiero lector de tinta electrónica que mercaramos hai dous anos deixara de funcionar por completo ao pouco tempo e que tivésemos que convencer o provedor de que non fora usado para cravar puntas para que nolo trocase por un novo, pode ser unha casualidade. Que lle teña acontecido o mesmo xusto ao rematar a garantía, pode seguir rozando a convencionalmente chamada mala sorte. Pero se mercas un Kindle e se agreta a pantalla na primeira semana, aínda que non teñas que realizar un esforzo desmedido para convencer o provedor para que cho substitúa, algo comeza a renxer.

Teño para min que estamos a falar de aparellos extremadamente delicados e, portanto, ańda máis caros do que pensabamos, para a vida que teñen. Pouco importaría que semellen dispositivos futuristas dun filme de ciencia fición dos anos 70, se polo menos durasen, mais non parece ser o caso. Hai alguén que teña unha experiencia similar á nosa e que queira contala? Ou realmente estamos tocados polo trasno dos trebellos e deberemos facérnolo mirar?

Meubook presenta Os Bolechas personalizados

Standard

Meubook: Quero ser un Bolechas

O equipo de Algueirada leva meses ligado ao proxecto Meubook, traballando no deseño e na posta a punto da súa comunidade. Hoxe temos a alegría de poder anunciar os contos personalizados d’Os Bolechas, un dos primeiros produtos desta plataforma de contidos dixitais e impresión a demanda que pretende levar até o último recanto do Estado os deseños do noso gran Pepe Carreiro.

Cos seus Bolechas, Pepe Carreiro súmase a outros autores galegos como Xavier Alcalá, Claudio Rodríguez Fer, Xabier Queipo ou Carme Blanco que xa poden lerse en distintas linguas a través de Meubook.

Desde Galiza para o mundo, como ten que ser, que dirían Mofa e Befa. Benvido, Meubook!

O pelacho filosofa

Standard

-Sabes, mamá, nunca terei clase co mesmo profesor.

-Por que, pelacho?

-Porque el cumpre anos e días, e eu tamén.

-Algo parecido dixo un filósofo hai moitos anos, que non te podes bañar dúas veces no mesmo río.

-Si, xa mo dixo papá.

-E lembras como se chamaba?

-Non.

-Chamábase Heráclito.

-Non será Acrílico? Hehe. Esa frase ten dous sentidos, un verdadeiro e un falso. Polo lado enxeñoso, a auga cambia e nunca é o mesmo río, nin ti a mesma persoa. E polo lado elemental, hai un conduto de auga que recibe un nome, e a ese volves, e é o mesmo.

-Estou de acordo contigo, pelacho.