Xornadas sobre o libro electrónico na biblioteca e no ensino

Standard

Natalia Garea de Biblogtecarios publica un resumo ben completo sobre os contidos das xornadas. Que ben, un traballo menos ;)

Paseino francamente ben, e non só por ter dous días para conversar con xente moi movida e que sabe e fai moitas cousas como Inma, como Carlos Sánchez e como Lorena, senón porque me alegrou o entusiasmo dos asistentes, que non viñan na procura de fórmulas máxicas nin de vaticinios, senón de puntos de referencia para traballar en rede e de moitas ganas de reunir datos sobre os que tomar posturas e decisións para, desde o noso presente, modelar o que será o noso futuro. Parabéns á organización e moi agradecida pola oportunidade para unha conversa tan viva.

Historia do ebook

Standard

Este é o tema sobre o que estarei a falar esta mañá nas Xornadas sobre o libro electrónico na biblioteca e no ensino, que terán lugar hoxe e mañá na biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación

Revistas e préstamo de libros para Kindle

Standard

Baixo o lema Compra unha vez e le en todas partes, Amazon vén de anunciar que proximamente adaptará todas as súas aplicacións de lectura para que o usuario poida mercar unha revista ou un xornal e acceda ao seu exemplar tanto desde un iPad, como desde un teléfono Android, como desde o PC.

Por outra banda aproveitou co comunicado para anunciar tamén que cara a finais de ano esitoras e autores poderán permitir que os seus compradores presten os libros adquiridos. Cando o promietario presta un libro a un amigo -durante non máis de 14 de días e nunha soa ocasión- en realidade está a cederlle o seu dereito de lelo durante ese tempo, transcorrido o cal o acceso ao libro volve ás mans do seu propietario.

Un novo reforzo para o sistema e recomendacións de Amazon.

Via Teleread

Os 4 consellos de Mike Elgan para a industria editorial

Standard

Atopo a ligazón para o artigo de Mike Elgan titulado Por que a industria do libro necesita o modelo Silicon Valley no Twitter de Julieta Lionetti, muller coa que comparto, ademais do gusto polo pan artesanal, a preocupación polos metadatos :)

Mike Elgan analiza o proceso de produción dun libro antes e despois do boom dixital e ofrece 4 consellos á industria editorial, que paso a traducir:

1. Deixa de menosprezar a autoedición. Pensando nela e no seu mercado como o que son: un viveiro que é a chave da túa salvación.

2. Pensa nun libro no mesmo modo en que un servizo baseado na nube pensa no seu produto. Sempre como un traballo en proceso e nunca rematado. Gran parte da non fición e tamén algunhas obras de fición deberían ser relanzadas con melloras, correccións e actualizacións.

3. Deixa de pensar que un libro é un feixe de papeis. Un libro non ten forma física. É unha colección de ideas. Ten propiedade intelectual. Ti non vendes polpa de árbores. Vendes historias e información, e deberías vendela en calquera forma e a través de calquera medio que o cliente demande, sen temor e sen tentar manipular os lectores con datas de lanzamento en distintas plataformas. Lanza todos os formatos tan axiña como poidas e deixa que os lectores escollan.

4. Acaba cos adiantos. Non hai ningunha razón para asumir ese investimento. Cambia o modelo para que só te incite a investir en gañadores seguros. Actúa con austeridade cos autores e coas túas propias operacións. Reducindo o custo por autor, a mesma cantidade de diñeiro pode soster un número maior de autores e, portanto, incrementar as posibilidades de crear grandes éxitos editoriais.

Metáforas

Standard

O venres pasado voltabamos da cea de aniversario do pelacho. Parece ser que 10 anos son máis que suficientes como para non querer ter unha festa de xogos, nin sequera na casa, pero si unha cea nun buffet libre asiático con adultos e rapaces sentados en distintos lugares.

Entrando pola porta o pelacho sentenciou:

-Estoy cansadísimo. Necesito un relevo de alma.