Os pelachos reflexionan

Standard

A pelacha di que o vaso sobre a mesa está medio baleiro. Eu pregúntolle se non estará medio cheo e fica pensativa.

-Por que me dis iso?

-Porque o mesmo vaso, coa mesma cantidade de auga, hai quen o ve medio cheo e hai quen o ve medio baleiro.

O pelacho, sen ver o vaso, vén polo corredor afirmando que el o ve medio cheo porque é optimista.

A pelacha dálle un par de voltas máis na súa cabeciña e conclúe:

-Pois eu véxoo medio cheo e medio baleiro. A parte de abaixo chea e a parte de arriba baleira.

Jisui: o poder das comunidades

Standard

image

Así atopo a noticia en Teleread:

Hai empresas xaponesas que están a facer moitos cartos dixitalizando libros para particulares. Unha persoa desexa ler un libro que non ten versión dixital, entón encarga o traballo a unha destas empresas, que lle cobrará entre unhas decenas e uns centos de yens (pode ser entre 1 € e 10 € aproximadamente) por enviarlle a casa un DVD ou un arquivo por correo electrónico.

Cóntase dunha empresa que foi creada en xullo e en agosto xa recibiu 10.000 solicitudes de dixitalización de libros, e que espera chegar aos 15.000 en outubro.

No Xapón a copia privada está permitida pola Lei do Copyright, mais coa proliferación de empresas dixitalizadoras de libros, o debate está servido. Son a mesma cousa que alguén dixitalice coas súas propias mans e pagar a alguén que o faga por ti? Segundo un experto en copyright xaponés cuxo nome non se desvela, sempre e cando unha copia privada poida ser producida polo individuo que lerá o ebook, esta non pode ser encargada a un terceiro a cambio de diñeiro. Fica claro, verdade?

O nicho xa ten nome, Jisui ou, o que é o mesmo, cociñar a túa propia comida.

Esta é outra versión da mesma historia, a pouco que se investigue:

No Xapón a oferta de ebooks é aínda moi cativa e case todos os títulos van cinguidos con DRM. Moitos xaponeses comezan a dixitalizar as súas bibliotecas persoais guillotinando os seus vellos exemplares en papel ou ben a través de escáneres caseiros baseados en dúas cámaras de fotos montadas nunha estrutura onde se asentan e se van pasando as páxinas dos libros.

Os dixitalizadores comparten libros en grupos a través da rede e, todo o proceso, crea moda e escola, e recibe o nome de Jisui.

O que se presenta como novidade nipona é un fenómeno e un movemento social que se vén dando tamén no ámbito do castelán e no do inglés desde hai anos a través de listas de correo, grupos de Google e de Yahoo, blogues, etc. Desde hai anos é posíbel e sinxelo facerse con case calquera título das grandes editoras porque houbo alguén que o escaneou e o revisou.

E eu pregúntome para rematar, aínda que sei que é difícil chegar a perspectivas comúns, non pagaría a pena ao sector editorialafrontar o que se está a chamar, o tsunami dixital, con plena consciencia de todo o que está a suceder, en lugar de querer ampararse en leis restritivas que, sabemos, sempre van atrasadas a respecto do movemento social?

A disposición final segunda da LES está a negarnos o futuro.

Standard
Aínda que non concordo ao 100% con este texto, en particular coa énfase con que se quere opoñer a grande á pequena empresa en termos absolutos, nin coa crítica sen xustificar ao gasto do Ministerio de Cultura que, creo ademais, que son puntos que dilúen o verdadeiro obxecto deste documento; aínda que a redacción do escrito é dunha calidade máis que dubidosa e, como si apoio o obxecto da denuncia principal, traduzo e publico o texto aparecido en Red-sostenible.net, ao que cheguei a través do blogue de Enrique Dans.
“Fixemos chegar esta mensaxe a todos os deputados e deputadas:
Este martes 21 de setembro de 2010, remata o prazo para que os grupos parlamentarios poidan fornecer as súas emendas á Lei de Economía sustentábel e, con ela, a Disposición Final Segunda (anteriormente Disposición Final Primeira) ou “Lei Sinde” que ataca os dereitos fundamentais en Internet en favor de lobbies industriais que non queren reconverterse. A mesma Disposición cuxa retirada centos de miles de cidadáns e ciudadás teñen pedido de todas as formas.
Lembramos ademais que esta Disposición se introduciu de costas ao propio parlamento: foi creada mentres unha SubComisión Parlamentaria estaba a traballar sobre a reforma da Lei de Propiedade Intelectual. A Disposición final Segunda foi introducida na Lei de Economía Sustentábel sen escoitar as conclusións de dita subcomisión que propón unha reforma en profundidade da Lei de Propiedade Intelectual para encarar con seriedade e beneficio xeral os problemas xerados polas innovacións da era dixital. A disposición Final Segunda ten que caer tamén porque representa un desprezo ao labor dos deputados, que son os representantes dos cidadáns e das cidadás deste país.
Queremos tamén lembrar aos deputados que a cidadanía pide que se desactive unha lei que non ampara os dereitos mínimos:
1 – Non se pode concibir unha lei que afectan intereses particulares e non xerais, onde o xuíz non poida entrar no fondo do asunto, ofrecendo todas as garantías legais aos cidadańs e emprendedores que están a operarar en Internet. Pechar o acceso a un sitio Web pode devastar a economía dun pequeno e mediano emprendedor. Os cidadáns non debemos asumir a reconversión das Majors.
2 – Non se deben mesturar asuntos da orde da competencia desleal, como pode ser lucrarse do traballo doutro sen que isto repercuta sobre este último, coa liberdade de ligar, citar e compartir, que son a esencia mesma de Internet, unha ferramenta crucial para o futuro.
3 – É inadmisíbel que se lexisle en favor dun sector económico atrasado na súa reconversión a expensas dos emprendedores que están xa a implementar as oportunidades da era dixital. O ministerio de Cultura non está á altura do alcance do problema. Investiu un tezo dos seus recursos en Industrias Culturais e agora necesita unha Comisión nada imparcial para rendibilizar estes recursos, distorsionando o desenvolvemento normal da economía cultural. Antes o ladrillo, agora a copia. Non reproduzamos unha burbulla dos contidos de entretemento.
O respecto e a comprensión das opcións que ofrece Internet son a saída da crise. A disposición final segunda da LES está a negarnos o futuro.”

Teño unha PDI e sei como usala!

Standard

Onte tivemos unha entrevista co titor do pelacho. Contounos que a súa aula está integrada no Proxecto Ponte dos Brozs da FAO, para a que habitualmente impartimos formación en aplicacións educativas das TICs, que teñen PDI na aula e que estaban agardando que os técnicos rematasen de clonar os portátiles para comezar a usalos a diario, polo menos 10 horas á semana e en todas as asignaturas.

Saímos encantados co plan, e cunha impresión fantástica sobre o titor, quen tiña moi claro que os aparellos son só aparellos, como é certo, mais son os aparellos dos nosos tempos, que compre manexarmos con soltura e aprender a apoiarmonos neles cando é preciso, para desenvolvernos cómodos no noso contorno e dedicar os grandes esforzos ao verdadeiramente importante.

Non hai que dicir que o pelacho foi o primeiro sorprendido e faltoulle tempo para contar as novidades cando chegou o primeiro día do colexio.

A pelacha sacrifícase

Standard

image

-Pois se fose necesario que me matase para salvar todo o planeta faríao… E se me cravase unha espada no corazón doeríame moito?
-Moitísimo, neniña.
-Pero se tivese que facelo para salvar o planeta enteiro, faríao.
-Pero por que ía ser precisa tal cousa?
-Se un malo, o máis malo, dixese, ou te matas ou acabo co planeta, eu faríao.
-E como acabaría co planeta ese malo malísimo?
-Pois cun volcán!

YouTube nos copia

Standard

Evidentemente non o digo en serio, e non só por cuestión de tamaño, pois na produción dunha única idea en concreto non ten por que influír. Mais habemos de recoñecer que nos fixo graza onte ver as similitudes da nova grella de streaming personalizada de Youtube coa que andamos a desenvolver para Blogaliza. Si, proximamente os máis de 20.000 usuarios de Blogaliza -xa rematada a migración de fillos.org-, poderán solicitar día e hora na grella xeral para estrear os seus programas e que todos poidamos velos ao tempo que nos unimos á conversa nunha caixa de chat.

Ademais, compartiremos os nosos coñecementos sobre produción de streaming de vídeo con software libre, para que calquera usuario sexa quen de facer retransmisións en directo dunha festa, dunha entrevista, dunha conversa, do que teña a ben.

E non é a única novidade de Blogaliza este outono, estean atentos á (nosa) pantalla ;)

O libro electrónico: presente e futuro na biblioteca e no ensino

Standard

Alí estarei o 25 e o 26 de outubro grazas ao amábel convite de Inma Doval e das súas compañeiras da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Eudacación da UDC, para falar entre outras cousas do libro electrónico, da súa historia, dos formatos de edición, dos lectores e das posibilidades para a súa distribución. É curioso, aínda que quixese, nesta ocasión non podería preparar unha parte do relatorio con dous meses de antelación. Por exemplo, a lectura online e os servizos de subscrición son un tema de que pouco se falou na rede nos últimos meses, mais que parece rexurdir timidamente nos plans comerciais dalgunhas empresas no último mes. Haberá grandes sorpresas no mercado da edición dixital de aquí a finais de outubro?