Enviar páxinas do móbil para ler no PC

Standard

Esta imaxe é un código QR. Se tedes un móbil Android e instalades nel unha app de lectura de códigos como o Barcode scanner, poderedes escanear os codigos QR e, por exemplo, acceder directamente aos sitios de instalación de applicacións, xa que estes códigos representan urls.

Pois ben, o código da imaxe corresponde ao sitio dunha app. para Android chamada Quick Save, que permite gardar as páxinas que vemos no móbil na nosa conta de Read it later, para poder lelas con calma desde o PC:

1. Abro conta en Read it later.

2. Instalo Quick save no móbil. En settings conéctoo con Read it later.

3. Reviso Twitter, Facebook, Reader desde o móbil.

4. Abro as ligazóns e escollo compartir a través de Quick Save as que quero ler con calma desde o PC.

5. Unha vez no PC leo as ligazóns enviadas desde o móbil.

Twitter e Facebook desde o pc: Hootsuite

Standard

Comezo o penúltimo día de agosto poñendo a punto o Hootsuite para enfrontar setembro con axilidade. Hootsuite é unha de tantas apps para a xestión de perfís nas redes scociais. Eu escollina principalmete porque presenta a información de forma clara e porque resulta moi rápida para xestionar perfís múltiplos. Aínda que contempla varias alternativas de pago, a versión de balde é máis que suficiente para min. Ademais ofrece un botón para o navegador, para publicar directamente a través de calquera dos nosos usuarios, en calquera das redes admitidas, a páxina que estamos a visitar. Realmente cómodo.

Tamén teñen versión para o móbil. Pero aí eu prefiro o Seesmic.

Standard

Hai 21 anos Alfredo e eu decidimos comezar a camiñar xuntos. Hai 11 anos decidimos ter fillos e tivemos 2. Hai 6 anos comprendimos que non queriamos volver a traballar nunha oficina con horario pechado nin deixarmos a pel en asuntos que non nos ilusionaban o suficiente como para facer valer tanto esforzo. Entón, xa que non eramos ricos herdeiros, foi preciso construír os nosos postos de traballo e polo camiño atopamos a Pedro, quen tamén andaba polas mesmas corredoiras. Durante estes anos creamos blogues, axudamos outras persoas a sacar os seus adiante, pensamos e repensamos Blogaliza -hai grandes novidades á volta do verán-, creamos contidos culturais para outros, demos aulas, conferencias, transmitimos ánimo e confianza aos desconfiados polo sorprendente presente, andamos coa cámara ao ombro tentando deixar rastro do que chamaba a atención dos nosos ollos… e aí seguimos.

Aínda que poida parecelo polo ton, isto non é ningunha despedida senón todo ao contrario. O meu primeiro blogue serviume para amoldarme a unha disciplina, lixeira mais constante, iso que ás veces tanto traballo me custa, por máis que me enganche un asunto. Hai ano e pico quedoume pequeno, porque desexaba escribir sobre outros temas e non o daba feito nun marco tan definido; foi entón cando abrín estoutro e botei os últimos meses a escribir sobre o libro na era dixital, ou case diría o último curso, pois antes porque eramos estudantes e agora porque temos fillos en idade escolar, seguimos a medir os anos en cursos.

Entre os froitos desta tempada están unhas pílulas de coñecemento sen efectos secundarios e a posibilidade que se nos abriu na primavera de sumarnos ao proxecto Meubook, onde proximamente administraremos e dinamizaremos a comunidade e forneceremos os contidos relacionados co mundo editorial. Por esta razón deixarei de publicar no meu blogue nalgúns casos os artigos relacionados coa industria editorial, para facelo directamente no blogue de Meubook, que axiña presentaremos. Ah, pero ao final si había algún tipo de despedida nesta anotación?

Non, tras estes dous meses de case desconexión en que fomos de viaxe e á praia canto poidemos, redefino os contidos do meu blogue e a miña actividade persoal na rede ao mesmo tempo en que estou a escribir, e propóñome facer o seguinte:

-Anotarei no blogue as noticias e reflexións sobre o libro que me parezan relevantes a nivel persoal e abrirei novas categorías, por exemplo anotacións sobre aplicacións de Android que creo que poden ser útiles para as persoas que me ledes. Tamén me propoño contar algunhas cousas sobre a nosa empresa, sobre a nosa maneira de traballar, sobre a nosa historia, porque cremos que pode ser interesante facer público un modo de traballar e de integrar o traballo na vida, que non é o máis habitual, pero non por iso é menos viábel.

-Até antes do verán comentaba e compartía os feeds que me interesaban a partir de Google Reader e de aí os enviaba segundo os casos a Twitter e a Facebook. A partir de agora seguirei a ler no Reader mais partillarei directamente a través de Twitter porque estou a atopar xente moi interesante coa que conversar e coa que trocar información e mesmo iniciar proxectos. Así pois farei un uso máis profesional que persoal do Twitter, aínda que sempre hai excepcións, claro.

-Canto ao Facebook, con todas as súas eivas e perversidades, é unha das canles que me facilitan estar en contacto coa miña xente, amais de coñecer outra ben interesante, berrar máis alto en compañía e botar unhas risas todos os días, portanto continuarei co uso máis persoal que fago desta ferramenta e engadirei os twits para aquelas persoas a quen poidan interesar.

E xa está, ao final non era tanto. Agora que o escribín será máis fácil.

Convenio de colaboración fillos-blogaliza

Standard

Subject: Comunicado de prensa – Fillos.org intégrase en Blogaliza

[Comunicado conxunto de prensa de: Asociación Cultural Fillos de Galicia + Blogaliza]

COMUNICADO DE PRENSA

17 de Agosto de 2010 (Para publicación imediata en Sociedade, Cultura, Tecnoloxía/Internet ou Emigración)

BLOGALIZA ACOLLERÁ A MAIOR COMUNIDADE ONLINE DA DIÁSPORA GALEGA

(Debido á carencia de recursos, a asociación Fillos de Galicia decidiu integrar a comunidade Fillos.org en Blogaliza)

A empresa Algueirada, responsable do servizo de blogs en galego Blogaliza, ven de asinar un convenio de colaboración coa asociación responsable da maior comunidade online da diáspora, Fillos.org, que conta xa con case 7 mil usuarios rexistrados. Grazas a este acordo evítase a desaparición deste proxecto histórico da Internet galega, que naceu en 1997 como ponte entre Galiza e os galegos do exterior, nomeadamente fillos e netos de emigrados. A falta de recursos económicos, agravada tras a cambio de goberno na Xunta de Galicia, e a carencia de persoal técnico capaz de xestionar unha rede social en continua expansión levaran á asociación Fillos de Galicia a facer un chamamento tras outro para acharen quen continuase co proxecto.
Aínda que estes chamamentos fracasaron e algúns medios apresuráranse a anunciar a morte do proxecto, abriuse unha derradeira oportunidade da man da consultoría tecnolóxica Algueirada: o traballo de actualización do portal Fillos.org realizado cos últimos recursos da asociación, facilitou a compatibilidade técnica con Blogaliza, o coñecido servizo ofrecido por Algueirada.

Deste xeito faise posible a supervivencia do proxecto, que agora fará parte de Blogaliza, quedando outros coñecidos proxectos de Fillos de Galicia como Atopadoiro.org fóra do acordo e baixo a xestión directa da asociación, xa cun custo moito menor. Os responsables de ambas organizacións felicítanse polo acordo e agardan poder sentar así as bases para novos proxectos a prol da cultura e a lingua galega no exterior.

FIN