Breve análise do mercado editorial dixital (I)

Standard

Sorprendeume atopar no WSJ a afirmación rotunda de que os sistemas de autoedición dixital están a crear un novo nicho no sector do libro que supón unha ameaza para a industria tradicional. Se ben as vendas de libros en papel caeron o 1.8% en 2009, o equivalente a case 24 millóns de dólares, as de ebooks multiplicáronse por 3 e chegaron aos 313 millóns de dólares, e xa supoñen entre o 5% e o 10% do mercado editorial estadounidense.

En España disque os ebooks non se venden ben e que representan menos do 2% do mercado, pero a verdade é que o catálogo é aínda moi escaso e, de non ser polas editoras de libro técnico, a porcentaxe sería aínda máis baixa. As plataformas estadounidenses comezan a apostar poderosamente pola autoedición: a Kindle Digital Text Platform, que ofrecía até agora o 35% dos ingresos aos autores que se autoeditaban, pasará a cederlles o 70% a partir deste mes, sempre que fixen os prezos dos seus libros por baixo dos 10 $. B&N lanzará este verán Publt!, mais os termos dos contratos de autoedición aínda non foron anunciados. Pola súa parte Apple acaba de lanzar un plan de autoedición e ofrece tamén o 70% aos autores, que teñen liberdade para fixar os prezos dos seus títulos. A experiencia nos di que os prezos por baixo dos 5$ axudan a que os libros se vendan mellor.

Cun pouco de lóxica é fácil entender que moitos autores, sobre todo se contan cunha comunidade de seguidores fieis, prefiran aceptar o 70% de 100.000$, que o 15% , no mellor dos casos, dos 200.000$ que ingresaría unha editora tradicional. Por iso plataformas como Amazon xa teñen conseguido asinar contratos con escritores supervendas como Stephen King. Hai voces que apuntan a que este novo modelo de negocio supón unha ameaza para a industria editorial tradicional en xeral, mais outras argumentan que a ameaza paira só sobre as editoras que non están a desenvolver un plan real de negocio co libro electrónico.

Grandes multinacionais do libro como MacMillan chegaron a retirar os seus catálogos de Amazon hai uns meses porque esta non lles permitía fixar prezos por riba dos 10$. Ao final Amazon tivo que ceder e aceptar o 30% das vendas sobre os prezos libremente marcados polas editoras; é o que se chama modelo axencia. Apple opera de modo similar e esixe ás editoras que non vendan a prezos máis baixos en ningún outro lugar. O resultado é que os prezos dos ebooks das multinacionais son só entre un 15% e un 30% máis baratos que as edicións en papel, e que, se nos contentamos con mercar exemplares usados, estes poden ser depositados no noso domicilio por menos cartos do que custan as versións dixitais. Non é o prezo a única desvantaxe: o DRM incorporado aos exemplares electrónicos empece a compatibilidade entre distintos dispositivos e aplicacións de lectura, e un cambio de máquina por parte do usuario pode facer que teña que deitar no lixo boa parte da súa biblioteca.

Que ofrecen a maiores as grandes plataformas multimarca? O máis importante de todo hoxe en día: un sistema automático de recomendacións baseado nas súas redes sociais, que dificilmente pode chegar a construír e cultivar unha soa editorial, por grande que sexa, porque os usuarios mercan habitualmente libros de distintas marcas, e nin sequera cada autor ten todas as súas obras nun mesmo selo editorial. Dáse o paradoxo de que nunha comunidade como a de Amazon, ou a de Apple, un libro autoeditado pode chegar a ser tan altamente valorado como outro lanzado por unha multinacional, acompañado dunha campaña poderosa de márketing. Apple e Amazon son conscientes do seu poder para chegar aos usuarios porque saben como se chaman, que libros prefiren e incluso que é o que máis valoran en cada obra que mercan.

E que está a acontecer en España? Este será o contido da segunda parte deste artigo: unha análise benintencionada dos pasos dados até agora polas grandes, as medianas e as pequenas editoras en España en xeral e en Galiza en particular, sobre as posibilidades e os limites que os precedentes internacionais supoñen para o noso mercado e os distintos escenarios posíbeis a curto e medio prazo en que nos pode tocar actuar.

Queremos catálogo de ebooks xa!

Standard

Amazon quería vender libros a prezos máis baratos do que estaban dispostas a aceptar as editoras. Apple cobra unha comisión do 30% pero os libros non se deben vender en ningures a prezos máis baixos que na iStore. En España os editores se queixan de que non se vende libro dixital cando, en realidade o que queren dicir, é exactamente iso, simplemente que non venden, porque, como explica maxistralmente Julieta Lionetti, aínda non puxeron as mercadorías no escaparate, nun intento a morte de adiar o inevitábel. E mentres, os autores negocian cos seus editores, ou agardan, mais non se dan a aventuras que os poidan deiaxar quedar en ridículo, que é o máximo que pode acontecer a un sector profesional que nunha ampla maioría di non vivir dos dereitos e autor.

No propio blogue de Julieta comentaba onte Fran Ontanaya que, tomando o exemplo do escritor que publica 10 novelas na súa vída, e considerando que un mesmo lector que as mercase todas, non fornecería máis de 20 € ao noso autor, non lle pagaría a pena a este procurar un grupo de seguidores fieis que pagasen esa cantidade polo pase para acceder a todo canto ese escritor producise? Chegamos entón ao modelo de subscrición, sexa este promovido pola editora, pola libraría -se é que seguen a ser entidades diferentes, como nos quere facer pensar Libranda- ou polo autor. Voltamos entón a cuestionarnos o sentido da propiedade dixital, inzada de incompatibilidades relacionadas cos dispositivos -que fai que uns arquivos fiquen obsoletos e haxa que mercalos de novo, que non se poidan prestar ou que, despois de gastar uns cartos que en ningún caso nos van devolver, descubramos que son ilexíbeis no aparello que queriamos levar á praia-. Neste sentido GoogleBooks, axiña xa, pode provocar cambios que, ao final non han ser nin tan bos nin tan malos para ninguén, mais cando menos introducirán aire nun ambiente que cada día se me antoxa máis irrespirábel.

The Digital Reader

Novo anuncio do Kindle

Standard

Como din en The Digital Reader, cada vez se pensan máis os anuncios para que a xente teña ganas de compartilos. E funciona! O curioso é que a estratexia publicitaria non se utilice tamén para vender os propios produtos da empresa anunciante. Por que Amazon non inventa un formato de vídeo propio para os seus anuncios que só se poida visualizar nos seus dispositivos? Por que non os almacena nos seus propios servidores en lugar de servirse de Youtube? Entón, por que non vende libros coa mesma filosofía coa que fan anuncios?

The Future of Advertising | The Digital Reader.

Foro aberto

Standard

O pŕoximo luns estarei en Foro Aberto na TVG para debater sobre as redes sociais. Propóñovos a todos/as os/as amigos/as que elaboremos unha relación dos beneficios das redes desde o noso punto de vista de galegos e outra relación de argumentacións en contra dos seus detractores.
Convídovos a participar na redacción dos argumentos e comprométome a ir ao programa como portavoz das nosas comunidades, facendo explícita a orixe das reflexións.
Podedes escribir as vosas ideas na páxina de Facebook que acabo de crear pero por favor, lembrade que non é unha páxina de debate sobre o programa, senón a elaboración comunitaria dun argumentario en favor das redes sociais.
Saúde!

Premios Xerais10 desde San Simón

Standard

Este sábado pola tarde imos facer un deses traballos que dá gusto facer: imos achegar ata onde a Rede poida levar os Premios Xerais 2010. Farémolo, como sempre, empregando estándares abertos e software libre, a cadea de distribución de audiovisual baseada en Theora, dende a cámara ata o navegador. As melloras dos sistemas de reproducción de video en tempo real fan máis facil o emprego da etiqueta <video> como receptor universal de imaxes en streaming. E a calidade tamén vai mellorando.

Se queres comprobar que vas poder asistir ao evento, dende a tua cadeira, bótalle unha ollada á carta de axuste que temos en blogaliza.tv.

Texto recollido do blogue de Pedro