Enredados

Standard

Esta é unha anotación que escribín para o blogue da miña irmá.

En 2003 comezaron a popularizarse os blogues. Construír unha web de deseño simple cos contidos organizados cronoloxicamente abriu a porta pública a todas as persoas que tiñan algo que dicir. E mudaron a face de Internet, até aquel momento inzada de páxinas estáticas que servían unicamente como medio de contacto ou bases de datos. Servizos como Blogia, Blogger e Blogalia, nun principio, foron secundados por outros como Tumblr e Blogaliza, o primeiro servidor galego de blogues. Un blogue para cada individuo consciente de pertencer á comunidade dos produtores de contidos.

Os comentarios eran habituais e a lectura dos que te seguían de obrigado cumprimento, independentemente do interese propio por uns asuntos ou por outros. Co tempo o número de blogues multiplicouse, os comentarios fixéronse máis escasos, as visitas mesmo nos blogues máis populares, baixaron considerabelmente e en Galiza falouse por ver primeira da morte do blogomillo, entendendo por este a comunidade de blogues escritos en galego. (continuar)

Música a mancheas

Standard

Nun momento en que Last.FM se vai facer de pago nos países onde non atopa financiamento, Mixtape.me é un lugar moi interesante onde facer listas de reprodución moi facilmente, para escoitar, por exemplo as cancións máis famosas de grupos que non coñezamos moito.

Por outra banda, Screentoaster é unha alicación online que nos permite gravar en vídeo o que facemos no ordenador. Moi útil para preparar presentacións e turotiais.

E, falando de presentacións, unha moi interesante, coas 99 mellores aplicacións sociais orientadas á educación.

Rosalía no Día da poesía

Standard

Pó-las tristes alamedas
Onde ô marmular as fontes
Un coidara que se quei
xan,
Y ond’o mesmo sol d’o estio
Melancónico penetra.
Y en medio d’esta espesura
E d’esta hermosa tristeza
Nun-ha casa inda mais triste,
Sí de fachada soberba,
Ali din que ten o niño
A nai de toda-las meigas:
Casa con portas de cedro,
En cada ventana rei
xa,
Cociña coma de mon
xes,
Silencio coma d’igre
xa,
Criados que non dan fala,
Cans que morden como feras,
Ali á viron negra e fraca
Com’un-ha gata famenta
N’ o mais san e mais frorido
D’a hermosa terra gallega.
Y estes mals que nos afri
xen
Din que todos veñen d’ela…
Mais socede n’esta vida
Que os que tên culpa n’a levan!

Follas novas (Varia)

Poema sen título

Standard

En aqueles tempos os días
eran inevitabelmente máis longos
as mañás chegaban tarde e
a medio facer
os seráns asomaban indecisos
fuxidíos baixo a mirada certeira
das noites
que se convertían nas señoras absolutas
das xornadas
Alleos ao mes vixente sobreviviamos
entre o luscofusco e a tebra
até que alguén, un día
un día tiña que ser
alguén pronunciaba timidamente a palabra marzo
como sen lembrar que significaba
e amparados no eco
que na escuridade parece aínda medrar
unha polifonía bilabial comezaba a se abrir paso
entre as ideas erráticas arroxadas ao ar
coa esperanza de que algunha vez
fosen descubertas e recollidas
gardadas en caixas como pequenos tesouros
para os que viñesen despois
que soubesen interpretalas
Era a chegada da primaver verbal
a estación convertida en tema de contacto
a que nos concedía pensamentos máis nítidos
De termos ollos teriamos crido
que podiamos ver a realidade con outro aspecto
como acordando dun longo sono
ralentizador de toda actividade do corazón
até limites antes insospeitados
a estación reducida a simple pulsión biolóxica
custodia dunha vida futura plausíbel
de ser definitivamente extinguida
cun breve alento
era o tempo da aproximación
da constatación da experiencia
da intuición de non saberse só
e do cuestionamento dos propios limites
que tan claros estaban no inverno
E de súpeto a vertixe de ir a máis
a máis, a máis, a máis
irremediabelmente camiño de algún punto
que alguén acabaría por considerar
final, estremo, destino ou chegada
en función do seu propio ritmo
Despois de min haberá outro igual?
o de novo o mesmo exactamente
todos e un ao tempo
sen mudar nada alén das preguntas
que non habería a quen formular
en caso de saber facelo
crear un concepto talvez non manexado antes
crear algo consciente en algunha medida
unha máquina capada
capaz de dar as respostas
incapaz de formular as preguntas
o motor do desasosego
decembro, decembro, decembro
decembro que nos une de novo na distancia colorida
e xa non lembramos o que vén despois.

As cousas polo seu nome

Standard

O cura mora na Coruña porque os veciños expropiados na mellor zona de Arteixo gañaron o preito contra a igrexia católica e non pode ocupar a vivenda da igrexa. Infórmanme de que este home de traxe gris e plástico no colo, repeiteado, falou de cartos o domingo pasado, malia non gustarlle nada o tema, parece ser. Denunciou que a crise se notaba até nas esmolas, e que estas andaban pola metade das do ano anterior; que había reparacións que facer, servizos que dar, mais omitiu falar dos cinco euros de cada misa cobrados a cada morto na mesma cerimonia e dos cartos obtidos pola venda da casa do cura anterior, doada á igrexa católica por unha vella beata.

Hoxe lin que, só en 2008, a igrexa de que falo gastou 400.000.000 de dólares en indemnizacións por delictos de pederastia. Calquera outra organización tería sido eliminada de contado, e non polo delicto en si, pois se me ocorren outras moitas que cometen atrocidades similares, porque xa non se pode dicir peores,  senón por seguir sendo publicamente encubridoras de criminais.

O outro día o pelacho quixo saber cando era o seu santo. Respondinlle que non o sabía e estrañoulle. Preguntou entón por que nós non celebrabamos os santos e díxenlle que se debía a que non eramos católicos. Isto sooume até unha miga exótico mais confirmou a miña certeza de que, tanto cos cativos como cos adultos, debemos chamar as cousas polo seu nome.

Jorge Wagensberg: O gozo intelectual

Standard

Dixo, entre outras cousas que:

-Conversar é falar despois de escoitar e escoitar despois de falar.

-Estou certo de que a palabra silencio se inventou nunha escola.

-A pregunta do xenio non é a que abraia por improbábel. Preguntarse por que a vexetación é masivamente verde é non confundir comprender con estar afeito a.

-O gozo intelectual é o experimentado ao recibir unha nova intuición, que é, á súa vez, o roce entre algo comprendido e algo por comprender.

-Unha boa intuición de comprender é procurar  o que hai de común entre dúas cousas diferentes.

-A beleza é repetir no espazo harmonía e no tempo ritmo.

-O científico elimina o superfluo e condena o erro. Ao revés do que se fai na literatura.

-O pracer musical encóntrase entre a ofensa e a frustración do cerebro.

Ben achada

Standard

Comezo o meu novo blogue con catro noticias que chaman a miña atención na revista Qué leer deste mes: O Consello irlandés das Artes acaba de retirar a subvención ao Irish Writer’s Centre, Katmandú proponse alfabetizar un millón de habitantes en tres meses a base de voluntarios, e que o 86% das estudantes xaponesas de Secundaria e o 75% das de primaria len novelas para móbil. O 75% por cento das de Primaria, eliminen as de 1º e 2º curso e alucinen!

Acabo de ir deitar a pelacha e tivemos unha conversa ben interesante. A pelacha estaba a piques de comer un moco e con cara de noxo animeina a que non o fixese. Expliqueille que os mocos eran unha especie de filtro onde ficaba atrapado todo o lixo que traía o ar. Desde area e po a mesmo algún becho pequeno. Ela engadiu que cando mastigaba os mocos que atrapaba co dedo no nariz atopaba cousiñas duras no medio e preguntou se os mocos tamén contiñan fungos. Poooois, claro, díxenlle eu. Entón ficou aterrorizada e dixo toda convencida que non o volvería facer nunca máis.