Un home na escuridade, de Paul Auster

Standard

(Anotación para olevantadordeminas)

Un home na escuridade é unha obra de madurez, que só pode escribir un novelista que xa teña construído outras magníficas historias antes. Como é característico en Auster, a narración fascina por unha sublime sinxeleza, sustentada na escolla minuciosa das palabras e súa distribución no papel. A profunda reflexión sobre o ben e o mal, sobre a propia condición do xénero humano emana a cada momento da pel dos personaxes, todos protagonistas. Ao mesmo tempo é tremendamente interesante e lúcida a teorización sobre o xénero literario: a acción, a caracterización dos personaxes e a vocación literaria son habilmente escrutinadas sen necesidade dunha soa fórmula. Até o cantil dos puntos sen retorno, que transforman unha suculenta idea argumental nun zorollo inservíbel. Paul Auster, alén de demostrar que un camiño sen saída non é motivo suficiente para abandonar unha idea, permítese andalo até o final a aínda abrir a porta que atopa pintada nun muro. Quen senón el poderá convencernos, cun pase de mans, de que un fío solto volve unirse ao novelo a que pertenceu, por mor dun milagre?

Talvez non sexa este o libro de que máis goste o lector que non coñeza as súas obras anteriores, mais para os que o seguimos con devoción, Un home na escuridade é un xeneroso presente que, ademais de manternos en vilo durante tres ou catro horas, nos descobre moitos misterios do resto das súas novelas e da esencia dese personaxe chamado Paul Auster, escritor. Canto á tradución para galego, nada podo dicir. Tras agardar toda unha semana pola edición galega, a tentación puido coa vontade e merqueino en Anagrama.

Primeiros poemas do pelacho

Standard

Ao amigo Roger Colom preguntáralle un veciño que libros debía mercar para que o seu fillo lese, o Roger respondeulle que o mellor era que o vise ler a el. O pelacho sempre nos ve con cadernos arriba e abaixo, ás veces léndonos en voz alta os versos máis recentes, ás veces calquera outra cousa que deixamos no papel. Hoxe, despois de pasar un tempiño no seu cuarto, saiu todo orgulloso cos seus primeiros poemas:

De TatiMancebo141007

AMOR FIXADO

as rosas son rosas

as bioletas son bioletas

e o meu corazon late tan

rapido que e posible que

estale.

:.:.:.:

O AMOR DA MIÑA BIDA

o amor e o que fixa a duas (persoas) pra

casi sempre e aparte

pode que traian a bida