A idade é un grao

Standard

O avó J, que sempre inventa mil e unha historias para os pelachos, preguntoulles hoxe por enredar:

-A ver, si viniese un genio y os concediese un deseo qué pediríais? Pensadlo bien porque sólo podéis pedir una cosa cada uno. A ver, Prima P, ¿qué le pedirías tú?

-¡Yo le pediría ir a Coroso!

-¿Y tú, pelacha, que le pedirías?

-¡Yo le pediría un disfraz de princesa con todo!

-Y tú, primo J, ¿qué le pedirías tú al genio?

-¡Pues ser un Harry Potter de verdad, con todos los poderes!

-Quedas tú, pelacho, ¿qué le pedirías al genio?

-Pues yo le pediría… que me concediese otros cinco deseos!

Por fin casa nova!

Standard

Por fin! Aínda non é a definitiva, senón un piso a estrear que nos prestou a miña madriña e que está a 5 m. do noso. A min case me parecía recochineo ver a obra inconclusa da nosa nova morada desde a xanela da sala pero o papá opina que así podemos controlar calquera pequena mudanza do Escorial. Viñemos o sábado pasado con parte do que tiñamos na casa vella (á que a pelacha pregunta se podemos ir algún día de visita) e unhas cantas cousas que nos pasaron amabelmente Toño e Vicki e xa está! Erguémonos unha hora máis tarde que antes e non temos que coller o carro para ir ao cole porque está a dous minutos a pé. Todo está novo, non hai ruído, temos calefacción e no parque do paseo fluvial os pelachos atopan pola tarde os seus amigos da escola. Que máis se pode pedir? O papá non para de repetir que o ar cheira moito mellor e, aínda que el madruga un bocado máis, di que non lle importa nada.

Os palachos están felices con todas as novidades, mesmo a de compartir cuarto, tanto que o outro día lle dicía o pelacho á pelacha:

-Te das cuenta, pelacha, de que nunca nos hemos llevado tan bien?

Seguimos a tope de traballo pero ímolo levando con bo humor e, sobre todo, desfrutando moito coa cultura e a tecnoloxía. Pensabamos que era unha boa idea mais non sabiamos até que punto. As humanidades teñen máis futuro que nunca. Disto falarei o mercores na conferencia que teño que dar na universidade.

Despois de catear tres na pasada avaliación (case lle rogamos á súa titora que o fixese para ter unha arma para facerlle ver que non podía seguir facendo o que lle daba a gana todo o tempo no cole. Cada vez que a profe mandaba facer algunha ectividade o pelacho preguntaba se era voluntaria, deixou os exames en branco porque total a profesora xa sabía que el o sabía, así que, para que perder o tempo. Levantábase seguido e distraía os compañeiros… Pois xa está encarrilado de novo e traballando duro para non pasar o verán facendo o que non fixo no inverno, que foi a nosa ameaza.

A pelacha é nisto o estremo oposto, a súa titora di que non lle importa poñer ao seu lado os máis revoltudos porque, como estea facendo algo, xa pode chover de abaixo a arriba, que non atende a nada até que remata. Tamén di que é moi despistada e que cando mudan rutinas sempre pasa días até que se fai ás novas mais nós pensamos que o que é é un pouco testuda e que, como goste máis do modo en que antes se facía unha cousa, vai tentar seguila facendo ao seu xeito até que comprobe que non hai hipótese.

O amigo Xavier envíame varias pelachadas que transcribo con moito gosto:

-En Roma, un que é de Ourol contoume que de paqueniño, cando subía no coche do pai ás alturas das Pontes, comezaba a ver o penacho da chaminea e mais os bafos dos módulos de esfriamento da central térmica e de aí colleu a idea que lle durou anos, ata que lla tumbou unha profe: coidaba que nas Pontes era onde se fabricaban as nuves da Coruña, onde el vivía.

-  O venres santo pasado, reuníuse en Neda boa parte da miña familia. Unha cativa de cinco anos non deixaba de dar a malleira con que quería ir ás procesións de Ferrol, nas que xa estivera días antes. A mai negábase argumentando sobre o mal tempo. Daquela a pequena preguntoulle “¿E porque morreu Xesús tan rápido?”. Os adultos puxemos cara de espanto pois coñecemos a personaxiña, alcumada “o Gremlin” entre nós; e, abraiados, oímos como lle berraba á mai “¿Non recordas que naceu en Nadal, ou que?” (Ela fora a virxe no belén do seu cole). Logo das gargalladas, a miña irmá contou unha escena en que interviñeran unhas sobriñas nosas que xa son mozas. A máis vella facía deberes de colexio de monxas e perguntoulle á seguinte en idade se entendía o do Espírito Santo. Ela -aclarou- comprendía que Deus fose o pai de Xesucristo “porque era o máis vello” pero non sabía de quen viña sendo o Espírito Santo. Ante a dúbida da consultada, unha terceira irmá, a menor, deu pistas: “Pois será fillo de separados”…

-O meu fillo Iago foi ao zoo de Barcelona coa Irene. Xunto deles, avanzaba unha familia de ecuatorianos, cun pequeno que observaba caladamente; ata que chegaron a unha imitación de selva centroamericana. Alí o rapaz falou alto: “¡Miren, miren, la casa de la abuelita!”

Feliz semana!

A permanencia da estela

Standard

O papá sacou a pelacha da ducha envolta nunha toalla moi vella porque todas as demais estaban para secar. A pelacha estrañouse moitísimo, tan como é, de verse cuberta por tal cerello:

-¿De quién es esta toalla!

-De San Pedro!

Díxolle o papá, que non a daba axeitado para secala e vestila.

-¿Es la toalla de Juan Perro?

Preguntou ela aínda máis estrañada.

A monte

Standard

Teño o blogue a monte como hai tempo que non o tiña. Foron estas unhas semanas de intenso traballo que non ten visos de reducirse mais hoxe teño que escribir algo xa e recuperar a miña leiriña.

 

Os pelachos medraron moitísimo ultimamente. O pelacho cateou tres esta avaliación porque segundo a profe “vai de sobrado” e non se dignou a responder as preguntas dos exames porque lle daba moita preguiza escribir as cousas que a profe xa sabía que sabía. A súa profesora tamén nos contou que andaba bastante descentrado e que, por exemplo, cada vez que ela mandaba algunha tarefa, o pelacho sempre preguntaba se era traballo voluntario. A verdade é que entre varicelas, otites, gripes e bronquilites os dous botaron practicamente os dous primeiros meses do ano en branco (a pelacha incluso máis) e simplemente houbo que axudalo a se enveredar de novo. Na casa tamén andaba moi desobediente e, como ademais lle facía moita falta mellorar a caligrafía e o cálculo, optamos por procurar non soltar broncas que só nos deixan mal corpo a nós e poñelo a escribir e a facer sumas e restas cada vez que desobedecese. É incríbel o que se pode mellorar nunhas semanas.

 

A pelacha está tremendamente espilida e presumida, todo o quere rosa, e da Barbie a poder ser. Onte fomos xantar á praia e ficamos abraiados da decisión con que se meteu unha e mil veces na auga, o que fai un ano! Actualmente anda moi preocupada coas idades relativas e coa morte, e a facer experimentos do tipo deixar de respirar, a ver que pasa. Tamén está moi berrona e se lle pides que fale máis baixo diche: -¡Es que yo hablo así!

 

Sobre ACoruñaSon escribirei outro día mais, por se non chego a poñerme, só direi que foi un soño cumprido: tanto por sacar adiante un proxecto en que criamos, como por ver que somos quen de facelo mesmo relaxadamente, como por traballar con Santiago, quen tiñamos por un gran artista e agora tamén por unha gran persoa e un novo amigo, e con quen xa sabemos que seguiremos a colaborar en novos proxectos e en novas vertentes de vellos proxectos.

 

Quería darlle as grazas ao Dorfun polas cousas tan chulas que acaba de facer cos meus poemas. Rematei libro recentemente e enviéillelo aos amigos para que o lese quen lle apetecer. Non o enviei a ningún concurso nin fixen ningún esforzo por que fose publicado en papel; como o amigo Alcalá, penso que o futuro da transmisión da poesía está na Rede e aquí é onde me apetece experimentar con el por ver onde chega e se hai a quen lle suxira algo: novos poemas ou calquera tipo de montaxe co seu contido. Dorfun foi o primeiro e fíxome moitísima ilusión. É probábel que outro poema sexa utilizado por unha banda do país para facer unha canción, xa darei noticia se finalmente se animan. NósQuen, que así se titula o libro, estará proximamente n’A Regueifa (en canto teña un tempiño para retocar o formato) mais se alguén dos que estades a ler isto queredes botarlle unha ollada só tedes que pedirmo ao enderezo de correo que que vedes aí arriba.

[kml_flashembed movie="http://es.youtube.com/v/EFn_grlI2n0" width="425" height="350" wmode="transparent" /]