Realidades

Standard

-¿Mamá, por qué las estrellas de mar siempre están quietas y la de los dibujos animados se está moviendo?
-Porque nos debuxos animados pode pasar calquera cousa.
E interveu o pelacho:
-Sí, puede pasar cualquier cosa y hasta te puede explotar el culo y todo!

Voltando á normalidade

Standard

O dito, despois de semanas de varicelas, gripes, toneladas de antibióticos e miles de horas de traballo todo parecía que voltaba á normalidade se non fose porque o termómetro marcou 38º para o pelacho e 37,8º para a pelacha hoxe pola tarde, así que as vacacións do Nadal seguirán prolongándose para eles e a ver se dunha vez desterramos a gripe e infeccións varias da casa.
Onte á tarde baixamos polo barrio a tomar unhas cañas co amigo Xavier. A pelacha díxolle nun momento:
-Te voy a dar un beso, una caricia y un abrazo.
Ao Xavier tanto lle gustou o detalle que lle dixo:
-Ai, pelacha, este beixo que acabas de darme heino levar no corazón toda a miña vida.
-¿Y por qué en el corazón si yo te lo di en la cara?

BERRAR e FALAR ALTO

Standard

Ás sete da tarde tiñamos unha reunión de traballo na Rede que duraría 30′ entón fixemos un pacto cos pelachos, que xogarían coas novidades que os Reis deixaran para eles (éxitos e fracasos de que espero falar nos próximos días) onte e que non berrarían nin rifarían mentres durase a reunión.
Non nos deramos nin conta de que o pelacho andaba a berros cos Power Rangers Ninja Mystic Storm, ou algo así, que son un prodixio de enxeñaría, dito sexa de paso. De feito o pacto incluía os berros só para que non discutisen nin se amolasen mutuamente como fan ás veces, especialmente cando andamos acupados noutras cousas. Pois foi entón cando sentimos a pelacha polo corredor a berrido limpo:
-¡¡¡MAMÁ, PAPÁ, PELACHO GRITÓ!!!!
E deulle tempo a repetir o alarido unhas cantas veces até que chegou a nós.
-Pelacha, así que vés acusar o pelacho pero ti vés berrando tamén.
-NO, YO NO. YO SÓLO ESTOY HABLANDO ALTO. ¿NO VAIS A CASTIGAR AL PELACHO POR GRITAR?
-Pois non, ímoste castigar a ti por chiveta. Hala, de primeira á ducha!
-NOOOOOOOOOOOOOOOOOOO!!!!
E foi!

Novas tecnoloxías

Standard

O pelacho reclámame que lle deixo o ordenador menos do que el querería. Argumento que as teclas do portátil sofren moito cos xogos e que é a miña ferramenta de traballo, ademais para xogar xa están a DS e a Play aínda que, iso si, bastante racionadas. Pero preséntolle unha proposta: poderá usar máis o ordenador se accede a utilizalo para outras cousas e acepta encantado. Aproveitando que pasamos o día os dous sós na casa, dedicamos un tempo a aprender algunhas cousas: ábrolle unha conta de correo electrónico en Gmail e a partir de aí propóñome e cumpro totalmente a intención de non tocar unha tecla e que sexa el que vaia facendo todo seguindo as miñas indicacións. Entón crea unha carpeta no escritorio, que decide chamar “aron”, carga a tarxeta da súa cámara no lector, conecta o lector ao portátil, descarga as fotos e borra as que saíron mal facendo unha selección múltipla. Despois minimiza a carpeta e abre o navegador. Accede á súa conta, crea un aálbum de Picasa e descarga as súas fotos (de cinco en cinco porque, como estamos traballando desde Linux non temos o cargador para facelo todo de contado). Estaba comezando a engadir títulos ás fotos, do estilo de “perro amigo” ou “exposición de setas” cando chegaron o papá e a pelacha da aldea e o labor foi adiado.
Fiquei francamente perplexa do ben e o rápido que asimilou todo. Non creo que sexa algo excepcional, desde logo, mais estes cativos do S. XXI nacen entre máquinas e resúltalles absolutamente natural pasar dunhas a outras con flexibilidade.

A pelacha veu durmindo todo o camiño de volta e esa foi a razón para que non conseguise encetar o sono nocturno con facilidade, malia ter ido para a cama despois das once. Foi despois de facernos ir onda ela a contarlle un conto, a cantarlle unha canción, a convencela de que non había nada na cama que a puidese pinchar, a levarlle o seu coxín da Barbie e a darlle un vaso de auga, que adormeceu de puro esgotamento. A ver a que hora acordan mañá.

2008

Standard
peixe do pelachoXa está aquí. Os plans eran pasarmos a derradeira noite do ano en casa dos avós mais o pelacho amañeceu coa varicela onte, coas lavercas como dicía a tataravoa, na casa da tía T. visitou a febre ao tío D. ao primo J. e á prima P., así que finalmente nós ceamos na nosa casa e os tíos na súa cos avós, que viven ao carón.
Malia non ser o planeado pasámolo realmente ben. Xogamos un Monopoli e unhas partidas ás cartas dos peixes para facermos tempo até a cea e tomamos as uvas os catro xuntos. O pelacho, como o ano pasado, comeunas todas en tempo. A pelacha dixo que non as quería pero axudou a sacar as pebides das do pelacho. Cando entramos no novo ano abrazámonos todos e enchémonos de beixos. Hoxe comeza un novo ano, dixemos eufóricos, e a pelacha preguntou: -Para mí también? Entonces eso quiere decir que estoy de cumpleaños?
Hoxe erguémonos todos arredor das doce. En canto estiveron listos o papá e a pelacha marcharon á aldea, como facemos todos os anos, a xantar coa bisavoa Obdulia, os tíos Jesús e Eva e os avós da Coruña. O pelacho e mais eu ficamos este ano na casa. Voltaremos todos nun par de semanas.
Está a ser este un Nadal un bocado atípico. Por unha banda estamos cargadísimos de traballo, que semella que non nos vai deixar tempo para nada máis, e por outra teño a sensación de que estamos a desfrutalo a tope e a facermos moitas cousas.
O outro día pasamos a mañá na piscina. A pelacha non lembraba como era e preguntou un cento de veces pola area do fondo. Ao final ficoulle claro que nas piscinas non hai area, que iso é cousa da praia. A ver se imos un día destes catar a pista de xeo tamén.

A avoa C. sempre ten un ovo Kinder para os netos. O pasado día dos Inocentes descubriron unha sorpresa diferente das habituais: uns atoparon olivas e outros allos nos seus ovos, coreados entanto os abrían con sonoros INOCENTE, INOCENTE! por parte dos adultos. O pelacho ficou fascinado e divertido e, para satisfacer a súa curiosidade preguntou: -Pero abuela, ¿Cómo has conseguido recrear el huevo?