Aulas de anatomía pelacha

Standard

A pelacha foi facer pis e aló foi a prima tamén. Cada vez se entenden mellor e rin máis cada unha coa outra. Esta foi a conversa entre ambas antes de saír do baño:

-Me pica la vaxina!
-Qué vaxina?
-Esta
-Huy, pobecita! Quieres que te rasque? Yo rasco muy bien
-Sí
O conto ficou aí mais hoxe pola mañá a prima díxolle ao seu papá:

-Me pica (a rañar unha perna)
O papá, lembrando o diálogo do outro día, preguntoulle:

-La vaxina?
-Nooooooo, yo no teno vaxina. Sólo la tiene la pelacha y le pica mucho!

Ése o que se come

Standard

O pelacho non come, devora. Sempre lle andamos enriba con que hai que comer devagariño para non facer traballar o estómago de máis e non gastalo antes de tempo, que un non é adulto só por cumprir anos senón cando se comporta como tal e bla, bla, bla, bla…

O outro día voltabamos do cole no carro el, o primo e mais eu e, aproveitando un momento de silencio díxolle ao primo:

-Tú no sabes cómo nos hacemos adultos y te lo voy a explicar. La cuestión no está en crecer, la cuestión non está en hacerse grande… la cuestión está en cómo comemos! ¡De verdad!

E, para quen poida non crer que estou a referir as súas palabras tal e como as dixo direi que hoxe, cando lle contei á avoa que lle mandaran ler o seu primeiro libro completo no cole, e a avoa lle preguntou se logo tiña que contar o que lera, el respostou: -No, sólo tengo que completar un cuestionario. E ficou tan pancho!

Nunca rimos desas cousas. Precisamente fannos moita graza porque non as di adrede. Alguén me preguntou hai tempo que opinaba o pelacho deste blog e mesmo se o usabamos como recurso educativo: se non fas tal… poñémolo no blog. Nin o pelacho nin a pelacha teñen nin idea de que este blog existe, aínda que eles son os seus verdadeiros destinatarios futuros. Comecei a escribilo porque pensei que gostarán de lelo cando teñan idade para facelo, do mesmo modo que eu desfruto coas historias que me contan de cando era cativa, mais para iso… aínda fica moito.

Adiviña

Standard

Para comezar hei de dicir que onte fomos á aldea e nos pegamos unha boa farta de callos.

Para continuar direi que hoxe á mañá a pelacha ficou sorprendida por un forte ruído procedente da cociña, onde só estaba o papá, e dixo: -¡Qué es es duido que padece de un elefante?

Para rematar engadirei que comecei o día a rir, igual que agora o acabo.

Devagariño

Standard

Fomos ver e escoitar un “conto musical” no Centro On de CaixaGalicia. Contrabaixo, viola e dous violíns. Unha das violinistas facía tamén de narradora e ía pasando as diapositivas nunha pantalla. Nada máis comezaren preguntou aos nenos se sabían como se chamaba aquel instrumento tan grande. O primeiro en responder foi o pelacho, que dixo que era un contratrabajo, si, si, contratrabajo. Ao ver que toda a xente ría e que o pelacho debía estar a protagonizar un afortunado sainete, a pelacha non se cortou en dicir a voz en grito que ela se chamaba pelacha e que o pelacho era o seu irmán.

Esta era a segunda vez que iamos a este centro. En semana santa tamén fomos escoitar outros contos dun paxaro e nun momento dado había que ficar totalmente calados e chascar os dedos por algo que tiña que ver coa historia. O pelacho, entre esforzo e esforzo, soltou: ¡A mí no me sale pero estoy aprendiendo! E era verdade. Casualmente neses días andaba a practicar ese recurso que a el lle parecía de adulto cada vez que se lembraba, e xa anunciara que o próximo reto sería asubiar cos dedos.

É curioso mais eu lembro perfectamente cando aprendín a facer as dúas cousas e o traballo que me deu cada unha delas. Asubiar cos dedos levoume máis tempo pero polo menos non fixen bochas.

Xa temos gañadora do I CONCURSO DE MICRORRELATOS LEMOSGALEGO

Standard

Este é o relato gañador da 1ª edición do Concurso de microrrelatos LEMOSGALEGO. A súa autora resultou ser PEKE:

Chego tarde á cita, seino, pero non podía deixar sen atar a mamá.

Espero que o can non roia as cordas e a ceibe. Non sobreviviría.

Os meus máis afectuosos parabéns, Peke!

E, por outra banda, quero sumarme ao plan de Dorfun de facermos un mural compartido, que me pareceu unha idea preciosa e aquí deixo a miña contribución, ou máis ben a do pelacho:

nossomosletras.jpg

Proposta de nova xantanza

Standard

O sábado levamos os pelachos a casa dos avós paternos e saímos co Pawley para Culturgal. El tiña programa a iso da unha e nós unhas horiñas para botar unha olladela polo lugar. Semella que cultura e rede camiñan cada vez máis unidas pois sen o termos planeado, nada máis chegar atopamos a Ghanito, con que demos unhas voltas polo recinto, xantamos con Brétemas, Nacho Chao (ao que, como fai Pawley quero animar a que retome as teclas), o propio Pawley, Folerpa e Celia. Coñecemos a Ana Bande. Na presentación de Rinocerontes e quimeras, libro que todos os cativos deberían poder ler, encontramos a Opaco, con que estivemos logo falando devagar e artellamos un plan para quen se queira apuntar: unha xantanza de campo con nenos, con sol e sombra, nos arredores de Santiago para que sexa de fácil acceso pata todo o mundo. Por suposto non é obrigado levar nenos mais queremos que sexa posíbel facelo sen que supoña unha tortura para eles. Quen se apunta?

Canto a Culturgal, moitas observacións se poderían facer mais vou ficar con que me parece un extraordinario esforzo cuns resultados máis que meritorios para a súa primeira edición. Parabéns para a organización e todos os participantes!