Que estás a ler?

Standard

castana.jpgOs libros son un dos temas que orixinan máis posts e suscitan máis conversas no blogomillo. Por iso, e coincidindo co Día do libro e a un par de semanas do Día das Letras Galegas, queremos facer unha proposta a todas as persoas que navegan pola Rede e len libros en galego…

Propomos crear un grupo de lectores e lectoras de libro galego que se comunique a través de Twitter para trocar información e opinións sobre os libros que estamos a ler.

Para quen aínda non coñeza Twitter, diremos que se trata dunha rede social cuxo obxecto é comunicar aos demais o que estamos a facer. Con defensores e detractores, non deixa de ser un recurso comunicativo, que paga a pena aproveitarmos se temos contidos con que enchelo.

Como Twitter non permite, polo de agora, a creación de grupos, e para poder atopármonos con facilidade entre toda a twitterada, propomos que os tres primeiros caracteres do nome de usuario ou usuaria que escollades sexan “lg_” correspondentes a “lemosgalego”. Así por exemplo, os usuarios das persoas de quen parte a iniciativa somos: lg_leco, lg_ferreiro e lg_pawley. (Se xa es usuario de Twitter podes mudar o nome engadíndolle “lg_” ao comezo ou facer outro rexistro cun nome que comece por “lg_” e dedicar este usuario só a lemosgalego)
Comentamos brevemente os pasos que hai que seguir para unirse ao grupo:

1.-Escoller un libro en galego e comezar a lelo (se aínda non o fixeches).

2.-Rexistrarte en Twitter cun nome de usuario ou usuaria que comece por lg_ (sabemos que está só en inglés mais aínda non existe ningún clon en portugués nin en castelán)

3.-Incluír como primeiro contacto a lg_lemosgalego, ademais de outros da túa elección (como non existe a figura do administrador, é o único modo de nos asegurar que todos os participantes son visíbeis para o resto. )

4.-Comezar a trasmitir opinións, recomendacións, comentarios, glosas… sobre os libros que esteas a ler en galego. O límite por comentario está en 140 caracteres.

5.- Se che apetecer podes incluír no teu blog/web algún dos “badges” que che ofrece Twitter para teres á vista os teus contactos ou os seus comentarios.
Unha vez que te rexistres xa podes usar Twitter a través da web, desde Gtalk, descargando Twitteroo ou Twitterrific, ou desde a barra do Firefox.
Atoparás sempre os contactos actualizados nos nosos blogs. E nuns días habilitaremos un blog do grupo, onde poderás atopar a relación de contactos, as intervencións e terás a posibilidade de deixar comentarios, propostas ou peticións de axuda se precisares. Tamén nos próximos días anunciaremos un Concurso de microrrelatos…

…Seguiremos a informar.

A xeración da Internet

Standard

generation-gap1.jpg

Teñen entre doce, por non baixar máis, e vinte e tantos anos. Hai quen di que se está a producir o maior choque xeracional dos últimos cincuenta anos. Disque viven de cara para fóra ou de cara para dentro, non fica moi claro desde fóra como eles o aprecian desde dentro.

A través de Tweak chego a un interesante e longo artigo do New York Magazine sobre os adolescentes dos Estados Unidos, Inernet e a fin da privacidade. Os tres titulares internos dan as claves das características que definen esta xeración:

1.-Viven conscientes dunha súa audiencia.

2.-Gardan rexistro de toda a súa adolescencia.

3.- Están máis curtidos que calquera xeración anterior, por causa da exposición pública.

Ten algo a ver connosco? Nin sei en que nós estou a pensar…

Escoito logo existo, ou non

Standard

A prima P. encetou un novo tema de discusión coa pelacha:

-Tu mamá no existe.

-Sí que existe. De vedá que existes, mamá?

-Un pouquiño, dixen eu.

-Ves como existe mi mamá?

-¡Pues mi papá no existe!

Ao que a pelacha nada respondeu. Imaxino que porque non hai ninguén máis lexitimado para falar do seus propios pais que os seus mesmos fillos.

Domingo soleado

Standard

Onte fomos xantar ao parque de Santa Margarida aviados con tortilla e milanesas. Smsamos os amigos antes de saír e acabamos xuntando dezaseis. Os pelachos andaron ao seu aire todo o día e todo foi diversión e harmonía agás… O pelacho apareceu ante nós a chorar de súpeto. Pensamos que caera ou que batera en algures mais a súa ferida non era física:

-Se metieron conmigo y me hicieron burla. Y ellos tienen ocho y nueve años. Eso es abusar. Me decían pelachito toca el pito y cosas así.

-Pero home, non ves que aínda que che digan así, iso nin che quita nin che pon nada? Non voltes alí se non o pasas ben mais non ten moita importancia o asunto.

-Pero me lastimaron… me hicieron daño aquí, en el corazón -dixo a sinalar o lado dereito do peito-

-Pero pelachiño, non ves que nin o corazón tes dese lado, que o corazón está do outro… Nin o corazón che tocaron. Mais repítoche que, se non o estás a pasar ben, é mellor non voltares alá.

-Hmmm… voy a volver porque lo tengo que arreglar!

Presente da rede de redes de redes de redes…

Standard

Parece ser que o paso do tempo mata a dor e a ausencia física mata o amor. Tamén estaría ben que o amor matase a dor ou o paso do tempo ou que entre o amor e o tempo fosen quen de acabar coa dor e coa morte. Mais como hai opinións e fórmulas para todos os gostos, sempre poderemos facer un plan para dedicarnos ao que realmente nos satisface, dedicar un tempiño a estudarnos a nós mesmos e manter todo baixo control. Resultado final: felicidade.

Guiados por Tim O’Reilly, os blogueiros estadounidenses andan preocupados por chegaren a un acordo que lles permita borrar os comentarios anónimos ofensivos sen ser tachados de censores e, sobre todo, sen seren castigados polos seus lectores. No blogomillo nunca faría falta un acordo así… non? Ou talvez si? Ao mesmo tempo

Os orangutáns e a web 2.0 están a desaparecer. Do portal ao agregador social ou como dixo De Ugarte do eu-rey ao nós-rede, quen leva días a falar da diferenza entre a web 2.0 e a web 2.1.  En Widgify apostan directamente pola web 3.0 -mais ben unha cuestión de nomenclatura, creo eu- e analizan a evolución: a gran mudanza arquitectónica radica en que “o nome do xogo non está baseado na publicación, nin en fornecer a capacidade de xestionar amigos ou crear grupos. E malia o que habitualmente se pensa, tampouco ten a ver coa creación do contorno ideal para xestionar bloques de contidos a base de arrastrar e pegar. Co que realmente ten a ver é co propio usuario”: o mesmo que non se atreve a borrar insultos e anónimos, se non o fai a comunidade por consenso, o mesmo usuario que quere aparecer na portada do Dig como tantos na do Hola.