In media res

Standard

A batalla que o frío gañaba ao sol na rúa tivo un final inesperado aos poucos minutos de subirmos no carro.

-Po que face calor?

-Porque dentro do carro non vai vento e o sol nos quenta moito.

-Po que nos quenta lo sol?

-Porque cando o sol sae, sae para todos.

-Po que sae para todos?

-Porque é tan grande, está tan alto e ten tanto lume que manda calor para todos os que estamos debaixo del.

-Que es lo sol?

-O sol é unha estrela.

-Po que la filla de Duce e Fanfua es una estrela?

Os nosos amigos Dulce e François teñen unha filla chamada Sol. A avoa materna de Sol chamábase Estrella mais isto, infelizmente, non llo puiden explicar á pelacha.

Segundo dente

Standard

Caeulle o segundo dente ao pelacho. Eu cría lembrar que o rato Pérez só te visitaba cando che caía o primeiro dente mais parece que os tempos fixeron mudar tamén iso e agora é con todos (xa conviñemos que as moas non estaban incluídas).

Quen sabe en que momento da tarde perdín ou tirei ao lixo, non lembro, a servilleta que contiña o dente e houbemos deixar unha carta para o señor Pérez onde eu me botaba toda a culpa e lle pediamos que non llo tivese en conta. Todo parecía ir ben esta vez mais esquecemos o asunto até que o pelacho acordou pola mañá, e o primeiro que fixo foi mirar a ver que había debaixo da almofada. E só estaba a carta que escribiramos a noite anterior.

A experiencia, para o meu fastidio, doutras situacións similares anteriores, deume pé para actuar con celeridade ante a súa expresión de chasco:

-Sabes o que pasa? Que o Rato Pérez me deixou unha carta no cuarto botándome unha bronca por ter perdido o dente e na carta tamén dicía que o presente que te deixaba era un bocado grande para ficar debaixo da almofada e que por iso o deixaba no noso cuarto.

Entón ilumináronselle de novo os ollos e así o deixei mentres ía correndo ao cuarto na procura duna imprentiña que me trouxeran os reis moitos anos atrás. Polo camiño fun desfacendo os carimbos co meu nome que aínda conservaba montados e todo encaixou. Mais igual que acontece coa existencia dos Reis Magos, sempre me parece albiscar unha sombra de paripé na súa expresión.

Era hora de se vestir e día de cole. Cando voltamos á casa pola tarde e comezou a fedellar co novo artiluxio dixen eu, como a pensar en voz alta e sen mirar moito para o pelacho:

-E como será que entra o Rato Pérez na casa?

O pelacho fixo o que semellaba imposíbel, apartar a mirada da imprentiña, e dixo para min con certo ar que me resulta difícil describir:

-¡¡Eso es lo que yo me pregunto!!

(Ao día seguinte lembroume el o asunto para comentarme a graza que lle fixera que o Rato me tivese botado unha tremenda bronca. Desafortunadamente a carta desaparecera polo mesmo camiño por onde viñera e non tivo ocasión de a ler o pelacho.)

Tarefas pendentes

Standard

unicornio2.jpg

O venres pasado o primo J. ficou a durmir connosco e a pelacha foi onde os tíos. Ademais dos planos de se deitaren moi tarde, coller unha peli no videoclub e mercar larpeiradas na de Suso, eu prometinlles que á mañá seguinte lles faría un pequeno presente: deixaríaos escoller un boli e un lapis da caixa onde vou almacenando todos os útiles de escritura que acaban nas miñas mans e daríalles tamén un caderno para cada un.

O sábado pola mañá, logo de facermos un collage e xogarmos unha partida de Monopoly, lembraron a promesa e non sen moito dubidar escolleron as súas ferramentas.

O caderno do pelacho era pequeniño, cun espazo para anotar a data na parte superior de cada folla e unhas liñas acompañadas de recadros na marxe esquerda. O pelacho preguntou para que servían as guías. -Aquí anotas a data do día, e aquí as tarefas que tes pendentes de facer ou cousas que precisas conseguir. Segundo as vas cumprindo, vas riscando o cadro correspondente.

Debeulle parecer un caderno de desexos máis que de tarefas porque o primeiro que anotou foi… o deseño dun corno de unicornio. E non lle daba chegado o momento de riscalo!