Sobran as explicacións

Standard

Os seus papás, nada futboleiros, estaban a ver na tele o partido de España de onte cando o primo J. lles apagou o aparello.

-Anda, no apaques la tele, que queremos ver a la Selección Española.

-¿Y qué es la Selección Española?

-Pueeeeeees… todas las personas del mundo viven en algún país. Nosotros vivimos en uno que se llama España y entonces cuando se hace…

-Vale, enciendo la tele, enciendo la tele!!

Canto custan oito fotos tamaño carné?

Standard

Ás veces os trámites saen tortos e non hai modo de os endereitar. Cando saímos da casa sobre as seis para facer unhas simples fotos para a mtrícula do pelacho no novo colexio, pensamos que aínda ficaría tempo para patinar, para pasar pola AZ do Suso e facernos cun suculento boliño para a merenda do pelacho, quen gosta de cando en vez de merendar fóra.

Como as tendas de fotografía que eu coñecía tiñan pechado ultimamente, non nos quedou outra que entrar no English Cut e preguntar. O departamento de fotografía de estudio non existía e mandáronnos ao segundo soto, onde atopariamos un fotomatón. Ao chegarmos abaixo tras unha longa espera polo ascensor decateime de que tiña deixado os cartos no peto do pantalón de onte, mais non era un gran problema porque lembraba que nese mesmo andar había dous caixeiros. Un deles serviría porque non era da mesma caixa que a miña conta mais si da mesma rede. A primeira sorpresa foi a comisión de 3,01 € que me anunciaron que me cobrarían mais ante a posibilidade de emprender a peregrinaxe de volta co pelacho a camiñar e a pelacha na súa cadeira e o tempo que nos levaría, calculei que sería quen de dalos por ben gastos.

Tirei 20 € para unha máquina que non aceptaba billetes e dirixímonos á caixa para trocar. Despois de 15′ de espera conseguimos dúas moedas de 2 €, dúas de 50 c. un billete de 5 € e outro de 10′.

O tallo da cabina estaba pasado de rosca e ao pelacho non lle saían nin os pelos na foto. Sentei eu no tallo co pelacho no colo levantándoo a pulso, co conseguinte tremer de brazos e tratando de agacharme detrás del, baixando a cabeza canto daba. Deixamos a pelacha fóra mais  a golpe de cadeiras  foi arrimando o seu carro até a entrada e abriu a cortina xusto no momento dos disparos. A cor estaría arruinada…

Non podiamos parar de rir cando saíron as fotos aos poucos segundos. O meu cabelo rizo sobresaía por ambos os lados da cabeza do pelacho, que saiu movido pola inseguranza do meu pulso levantando vinte quilos en seco durante máis segundos dos que podía, e converténdoo de súpeto nun curioso exemplar de cachorro humano con profusa coleta esgallada, que sería propia dun fillo do cantante dos Mojinos Escozíos.

Efectivamente as fotos non valían, e o pelacho aínda preguntaba por que!

Voltamos á cola da caixa pois xa non tiñamos trocos para a máquina outros 15′ e voltamos ao fotomatón. Esta vez deixamos a pelacha máis lonxe, calculando que non lle dese tempo a chegar até nós antes de que se fixesen as fotos. O pelacho púxose de pé, medio anicado sobre o tallo en equilibrio moi inestábel porque non daba parado de rir. Tiven que sostelo por un brazo mentres a pelacha, teimuda, se aproximaba a nós.

Como non, o meu brazo saiu tamén nas fotos mais consideramos que estarían ben de máis logo duns pequenos retoques de tesouras.

Azul vs. rosa

Standard

pulseira.jpgQue se as nenas falan antes, que se os nenos precisan pelexar e máis xogo físico, que se as nenas son máis listas e desde ben pequenas teñen instinto maternal, por iso gostan das bonecas. Que se os nenos son máis desordeados pero máis nobres porque as nenas, xa se sabe, son máis lerchas…

Meus pais nunca me fixeron sentir rara nin máis distinta de ningún otro neno que de ningunha outra nena.

Eles saben que lles estarei eternamente agradecida.

help!

Standard

Non sei que pasa pero creo que non me funciona a opción de comentarios porque cando intento abrila sáeme unha mensaxe que me manda premer un botón para activar un tal control x mais nada acontece cando o fago. E ademais non podo editar as entradas ben porque só me aparecen en código html e non son moi experta no asunto. Se alguén ten idea do que pode suceder agradecería suxestións que, como creo que non poderán entrar nos comentarios, me podería mandar por email a: leonorcombing@yahoo.es. Obrigadiña!

Unha mamá máis…

Standard

 mamadeportiva.jpg

-Yo quería tener una mamá más…

-Máis que, pelacho?

-Nada, nada.

-A ver, máis que?

-Nada, nada!

-Podes dicir o que queiras, non ten importancia ningunha, de verdade :) A ver, ti querías ter unha mamá máis…?

-No, nada, que me gusta la que tengo :)

-Pois agora xa teño eu moita curiosidade. Aínda que teñas mudado de opinión, que ías dicir?

-Pues… iba a decir una mamá más deportiva…

-Hahahahahaha! Claro, ti dilo porque, como ultimamente ando coas costas moi fastidiadas, non te collo no colo nin me ando tirando a rolos seguido, non?

-Si.

-É que a pelacha hai moi pouco tempo que camiña soa, que sobe as escaleiras soa… e aínda teño as costas moídas do esforzo que fixen con ela cando aínda non camiñaba nin se apañaba soa. Pero en pouco tempo me irei recuperando e xa teremos tempo de andar a rolos a rachar. E ti sigue dicindo as cousas como agora, que nunca paga a pena deixalas dentro :)

Entomofaxia

Standard

 

-Las plantas carvívoras… ¿Dónde tienen el polen?

-Supoño que no mesmo lugar que as que non son carnívoras, nos estambres. Pero, por se é o que estás a pensar… as plantas carnívoras non teñen dentes.

-¿Noooooon?

-Iso é nos debuxos animados e nos contos nada máis.

-¿Y cómo comen a sus presas?

-Pois as presas quedan atrapadas nunha substancia pegañenta que desprenden as plantas e que, máis tarde, serve tamén para desfacer os insectos que fican atrapados. E como os insectos son certo tipo de carne, por iso se chaman plantas carnívoras, porque á súa maneira comen carne.

-¿Y nosotros podemos comer carne de esa algún día?

-É que aquí non temos costume de comer insectos como noutros lugares.

-Y ¿Dónde comen insectos?

-Pois por exemplo en algunhas partes de África.

-¿Podemos ir a África?

A razón como aos tolos

Standard

Iamos no carro para casa, a brincar os uns cos outros, cando a pelacha dixo:

-Tententa!

-Setenta? setenta que?

-Noon. Tententa!

-Sesenta?

-Noooooon. TENTENTA!

-Oitenta?

-Si.

Non sabía eu a que se refería e morreu o conto. Chegamos a casa, de alí a un pouco chegou o papá e puxémonos a enredar os catro. Nisto a pelacha, ollando para seu pai,  dixo de novo:

-Tententa!

-Que estás contenta, neniña? Díxolle o papá.

-Siiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii! Dixo, ollando para min. No carro dérame a razón como aos tolos!