114375095746827045

Standard
O pelacho escóitanos con frecuencia falar de blogs e, aínda que el non sabe o que eu gardo aquí, aparte de algúns dos seus debuxos, o outro día díxonos que el tamén gostaba de ter o seu propio blog. E puxémonos mans á obra. Estudamos infinidade de plantillas na procura dunha de Spiderman… e atopámola!
O noso pelacho aínda non sabe escribir máis que unhas cantas palabras, mais está todo ilusionado con gardar as súas cousiñas na súa caixa dos tesouros.

114349282968693104

Standard
Pregúntome por que os nenos recoñecen tan cedo os números e por que gostan tanto de aprendelos e repetilos. Será porque ten o cálculo algo de innato? A pelacha sabe contar até dez e identifica as súas representacións escritas cando os ve. Non os coñece todos, só do un ao tres, mais sabe que son números e non letras. Tamén sabe diferenciar seu nome do do pelacho cando os ve escritos.
Hmmm, non é de todo certo isto que acabo de dicir porque hai un ao que lle ten certa manía. Négase a dicir o cinco. O catro chámao tato, e volve repetir tato cando pasa ao seguinte. Se lle dicimos insistentemente cinco, entón repite tato, tato! cada vez con máis empeño e a maior volume. Algo terá o cinco, pois.
Estes días está a durmir con moitos sobresaltos e malos soños, típicos da súa idade. A noite pasada fixo saír o papá unhas dez veces da cama. Hoxe comezaremos coa estratexia que tan ben nos fora co pelacho no seu momento.
Hoxe foi o papá falar coa profe do pelacho. As veces anteriores fun eu e decidimos que era importante que fose el aínda que tivese que facer o esforzo de chegar moi cedo.
A profe díxolle unha vez máis cousas que xa sabiamos: que é un neno moi inquieto ao que lle custa moito traballo centrarse para facer as tarefas que non lle interesan, que ten moita curiosidade por case todo e que é un negociador nato. Di que por moi chinchón que teña o día a calquera lle custa traballo enfadarse con el porque sempre ten na boca a palabra adecuada para mudar unha situación que vai por mal camiño. Nas súas propias palabras “como queira ser presidente do goberno, farao”. Nós, desde logo, esperamos que se lle ocorran cousas máis interesantes que facer coa súa vida.

114339918829253383

Standard

Remata unha fin de semana das que fan época. Venres tiven que botar o día e ficar a durmir en Compostela polas xornadas de formación que a editora en que traballo organizaba para mestres de toda Galiza. Tras as sesións da tarde, cóctel nun hotel e festa oitenteira que nos encargamos de poñer a andar, con traxes da época e todo. Alguén acabou por preguntarme se eu era unha animadora do hotel. O que tal me faltaba!

Á mañá seguinte novas sesións e despedida. Xantamos e cadaquén marchou para a súa casa. Ao chegar, o papá foi co pelacho a óptica para recoller os óculos novos e eu coa pelacha ao supermercado para amañar sen complicacións a cea planeada na casa con Suso, Carmen e Pawley.

Que rápidísimo pasou o tempo! Cando nos demos conta xa eran perto das catro “pola nova”, esa expresión tan estendida, que só se utiliza dous días no ano.

Hoxe non demos saído da casa até pasada a unha, así que só tivemos tempo para que o pelacho estrease os novos patíns que mercou o outro día cos aforros e para mercar o xornal e mais o pan. Foi na panadería onde o pelacho entrou dicindo:

-¡Hola! Soy el mismo de siempre… sólo que con gafas. Y queremos una baguette.