REIS PELACHO 2006 – 2

Standard

Levábala pedindo dous anos enteiros e mil veces che dixeramos que non tiñas aínda idade. Mais este ano non fomos quen de nos resistir. Falamos moito do coidado que teriamos de ter para que non te enganchases demasiado, de canto tempo sería prudente que xogases con ela. Se sería bo gardármola nós e que a pedises cando quixeses xogar… E, como tantas veces, decidimos que habería que ir vendo sobre a marcha porque contigo os cálculos costuman fallar.

Que atinados andamos. É un xoguete máis, que apañas durante uns minutos cando te lembras del e que, polo momento, non vimos necesidade de quitarche de diante.

Aos Reis da casa pedícheslles o xogo das Witch, ao tío M. o de Pokemon Esmeralda e trouxéronche os dous. Como ningún deles era para xogar na pantalla táctil, hai uns días levámoste ao videoclub do bairro para comprares un cos cartos que tiñas aforrados:

-Pero lo pido yo, eh!

-Desde logo!

-Hola, ¿Tienes el juego de Super Mario Tenis?

-Pues no. Ese no lo tenemos.

-Pues entonces dame otro cualquiera.

Finalmente, tras razoarmos contigo que habías de pensar primeiro o que querías, levaches un de Kirby. Polo momento é o teu preferido.

REIS PELACHA 2006 – 2

Standard

Talvez nuns anos nos pareza o máis normal do mundo, mais hoxe non deixa de sorprenderme poder atopar no Google un triciclo practicamente igual ao que che trouxeron os Reis este Nadal. No teu a barra con asa é dobre; no resto é similar. Até o momento non lle fixeches caso ningún. A ver se pasa este frío polar destes días e podemos saír con el á rúa dar unhas voltiñas.

113830973671576030

Standard
Canto tempo sen escribir cousas sobre a pelacha. Claro, como me leva moito máis redactar que transcribir, a cousa vaise adiando… Está realmente simpática. Xa di un montón de palabras, comprende practicamente todo e ri todo o día. Faise entender a base de acenos moi expresivos e todo quere facer ela soa. Ao irmán tenlle a medida tomada e véndelle caros os beixos e os abrazos. É fantástico ver o pelacho explicarlle todas as cousas que el pode facer e ela non por ser aínda pequena e toda a paciencia que saca cada vez que ela lle desfai o que está a facer, que son moitas, moitísimas.
A pelacha aínda está a tomar antibióticos e outras porcarías até sábado. Pola noite e pola mañá tócalle chuchar de tres xeringas diferentes, cada cal máis noxenta, e sempre facemos bromas co mal que saben. Cada vez que toma unha medicina di -Aghhhhhhhh! escachando de risa.

113813922368204923

Standard

O pelacho con espontaneidade e en ton despreocupado:
-Mamá, cando yo sea mayor como vosotros… vosotros seréis viejos como los avós.
-Pois si, claro.
-Y cando yo sea viejo como los avós… vosotros os vais a morir… y os veré en carne y hueso. Y vuestros espíritus… los veré subir entre las nubes… porque os vais a morir, eh.
-Si, algún día. Como todo o mundo, meu neno.
-Si, como todos.