Standard

lernos21

Como proximamente estarei dando varias charlas sobre o libro electrónico, acabo de abrir este novo blogue como depósito de información sobre o tema. Hai páxinas dedicadas a bibliotecas que conteñen libro galego en formato dixital, a bibliotecas con libro en castelán e ás redes de lectura en galego e en castelán.

Teño intención de publicar unha relación de todas as editoras galegas que comercializan ou promocionan de balde libro electrónico. Se tes ou coñeces unha editora destas características, agradecería a información en forma de comentario ou ben nun correo (tatimancebo@blogaliza.org)

YouTube nos copia

Standard

Evidentemente non o digo en serio, e non só por cuestión de tamaño, pois na produción dunha única idea en concreto non ten por que influír. Mais habemos de recoñecer que nos fixo graza onte ver as similitudes da nova grella de streaming personalizada de Youtube coa que andamos a desenvolver para Blogaliza. Si, proximamente os máis de 20.000 usuarios de Blogaliza -xa rematada a migración de fillos.org-, poderán solicitar día e hora na grella xeral para estrear os seus programas e que todos poidamos velos ao tempo que nos unimos á conversa nunha caixa de chat.

Ademais, compartiremos os nosos coñecementos sobre produción de streaming de vídeo con software libre, para que calquera usuario sexa quen de facer retransmisións en directo dunha festa, dunha entrevista, dunha conversa, do que teña a ben.

E non é a única novidade de Blogaliza este outono, estean atentos á (nosa) pantalla ;)

Convenio de colaboración fillos-blogaliza

Standard

Subject: Comunicado de prensa – Fillos.org intégrase en Blogaliza

[Comunicado conxunto de prensa de: Asociación Cultural Fillos de Galicia + Blogaliza]

COMUNICADO DE PRENSA

17 de Agosto de 2010 (Para publicación imediata en Sociedade, Cultura, Tecnoloxía/Internet ou Emigración)

BLOGALIZA ACOLLERÁ A MAIOR COMUNIDADE ONLINE DA DIÁSPORA GALEGA

(Debido á carencia de recursos, a asociación Fillos de Galicia decidiu integrar a comunidade Fillos.org en Blogaliza)

A empresa Algueirada, responsable do servizo de blogs en galego Blogaliza, ven de asinar un convenio de colaboración coa asociación responsable da maior comunidade online da diáspora, Fillos.org, que conta xa con case 7 mil usuarios rexistrados. Grazas a este acordo evítase a desaparición deste proxecto histórico da Internet galega, que naceu en 1997 como ponte entre Galiza e os galegos do exterior, nomeadamente fillos e netos de emigrados. A falta de recursos económicos, agravada tras a cambio de goberno na Xunta de Galicia, e a carencia de persoal técnico capaz de xestionar unha rede social en continua expansión levaran á asociación Fillos de Galicia a facer un chamamento tras outro para acharen quen continuase co proxecto.
Aínda que estes chamamentos fracasaron e algúns medios apresuráranse a anunciar a morte do proxecto, abriuse unha derradeira oportunidade da man da consultoría tecnolóxica Algueirada: o traballo de actualización do portal Fillos.org realizado cos últimos recursos da asociación, facilitou a compatibilidade técnica con Blogaliza, o coñecido servizo ofrecido por Algueirada.

Deste xeito faise posible a supervivencia do proxecto, que agora fará parte de Blogaliza, quedando outros coñecidos proxectos de Fillos de Galicia como Atopadoiro.org fóra do acordo e baixo a xestión directa da asociación, xa cun custo moito menor. Os responsables de ambas organizacións felicítanse polo acordo e agardan poder sentar así as bases para novos proxectos a prol da cultura e a lingua galega no exterior.

FIN

Entrevistamos a Escohotado

Standard

Hai 17 anos estabamos Alfredo e eu co Chíqui Lozano e o Pedro Casteleiro, e cuns centos de persoas máis, nunha conferencia de Antonio Escohotado sobre o caos. Falaba das redes interconectadas a nivel mundial en tempo real e das posibilidades que o fenómeno abría para unha verdadeira democracia. Aquel comecei a albiscar ideas nas que aínda hoxe creo.

O Pedro preguntoulle algo que non lembro e Escohotado, logo darlle unha resposta que tampouco conservo, dixo ao noso amigo que esperaba poder cear con el aquela mesma noite. O escritor non sabía era que co Pedro levaba tamén todo o lote, e que acabariamos polos bares a altas horas da madrugada. Eu estaba fascinada pola súa facilidade de palabra e uns puntos de vista que me parecían exóticos porque aínda que revestidos de academicismo no estilo, ofrecían ideas que para min aínda soaban a novas. Tanto escoitaba eu que o Escohotado me preguntou por que eu non falaba nada. Creo que é a única vez que escoitei tal cousa. Volvémonos encontrar en Coruña noutra ocasión e estivemos na súa casa en Madrid haberá 12 anos. Despois diso non volvemos ter contacto algún.

Tomei o costume de ler os seus libros porque, aínda non estando de acordo con todo o que escribe -nin el mesmo o está pasado o tempo-  e considerando algúns dos seus libros mellores que outros, sempre aprendo moitísimo; o seu modo de presentar as ideas e de razoar obrígame a reflexionar.

Los enemigos del comercio pretende ser unha historia moral da propiedade privada, nas súas propias palabras, ou unha historia de occidente centrada na economía, pero é moito máis que iso: é, como xa dixen noutra ocasión, un tratado incontestábel de ateísmo, escrito con rigor e aténdose aos feitos. Tamén é unha obra estilisticamente engaiolante; aínda que todo o que di fose mentira, pagaría a pena lela só pola súa calidade literaria. É un libro que se deixa querer e que te quere cando o les.  Está escrito desde a necesidade de comprendernos do único modo en el considera que pode facerse, ollando cara ao pasado.

En escohotado.org pode lerse máis de medio libro, e durante moito tempo estivo o I volume completo.

Para abrir boca presentámosvos a versión curta da entrevista que fixemos a Antonio Escohotado o pasado 18 de novembro en Madrid. Se quedades con fame, podedes ver a versión completa, duns 45′, en blogaliza.tv

víaBlogaliza.

Fracasados de antemano

Standard

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/txH0YO35Xi0" width="400" height="330" wmode="transparent" /]

Por se alguén aínda non os coñece, son os Fracasados de antemano -uns dos gañadores de ACoruñaSon09- nun concerto didáctico que deron na Biblioteca dos Rosales. Alí tocaron, cantaron e responderon as preguntas dos máis pequenos, cativados por iso que chaman a figura do artista, e que eles se encargaron atinadamente de desmontar. Encántanme, representan a imaxe da modernidade que me enche o ollo: fusión sen perder as raíces, denuncia con arte, oficio na voz e nos instrumentos e, sobre todo, moita marcha!

O blogomillo e os seus RSS

Standard

“Como é ben sabido blogaliza non é só un hosting de blogues: levamos anos buscando na rede e localizando todos os blogues escritos en galego, tentando achegar o listado de referencia do blogomillo. Tendo os blogues, sen importar en que sistema estean aloxados, lendo o que escriben non é complicado facer coas suas anotacións o contido de portada de blogaliza.org. Automáticamente. Unha maré que non deixa de fluir.O ano pasado fixemos un considerable esforzo de etiquetaxe dos blogues, para poder ofrecer máis información sobre o blogomillo: temas, lugares… Agora comezamos a compartir o resultado dese proceso, cunhas fontes RSS temáticas do que se escribe nos blogues do blogomillo: letras, música, cinema, deporte, ensino… A lista completa aparece ao pe da portada de blogaliza.org. Poden vostedes reutilizar estes RSS a gusto!”

víaO blogomillo e os seus RSS | de mares, portos e portas.

Novas estatísticas para blogaliza.org

Standard

“A partir de hoxe o taboleiro dos blogues de blogaliza amosa unha gráfica coas últimas visitas ao blogue. Ademáis no sistema de menús temos un novo elemento: “Estatísticas”, que leva a unha páxina resumo de datos recollidos polo novo xestor, Piwik. Se non pasa nada, este novo sistema de estatísiticas dos blogues sustituirá ao Statpress nuns dias. As gráficas son moi interactivas: poden amosar a información como lista, nube de etiquetas, gráfica de tarta, ou de barras.”

víaNovas estatísticas para blogaliza.org | de mares, portos e portas.

Axuda en tempo real en Blogaliza

Standard

“Estes dias estamos a experimentar cunha nova ferramenta de asistencia aos usuarios de blogaliza. Cando entramos no taboleiro do noso blogue, como usuarios rexistrados en blogaliza, atopamos na esquina inferior dereita unha pequena fiestra azul titulada “Axuda en vivo”. Se facemos click co rato nela, desplegase coma un espazo de chat, no que podemos escribir para falar en tempo real, co equipo de administración de blogaliza, en caso de estar alguén conectado neste momento. Tendo esta posibilidade sempre a man, é moi doado pedir axuda, e obter resposta de forma inmediata. Convidamosvos a usala!”

víade mares, portos e portas » Axuda en tempo real.