Subscricións na tenda Apple e Google One Pass

Standard

Actualizado 16/02/11 ás 21:41 despois dun cruce de correos con Luis Collado, responsábel de Google Books en España, quen me aclara o seguinte:

-Está por confirmar en que casos Google ingresará só o 2% da transacción ou unha cantidade maior.

-Polo de agora One Pass é unha pasarela de pagamentos e de administración dos pagamentos, con opción de subscricións, dirixido unicamente a editores de prensa, non de libros.

-Portanto, non está asociado a ningún tipo de CMS online, senón que os contidos están aloxados nos servidores dos editores.

-En España xa hai un grupo de comunicación a facer probas co sistema.

Co recén anunciado sistema de subscricións de Apple para publicacións períodicas, os usuarios xa non terán que pagar separadamente cada número dunha revista ou dun xornal, senón que a editora pode pasar o cargo ao cliente  diaria, semanal, mensual ou anualmente. Espérase así evitar casos como o da revista Wired, cuxos 100.000 exemplares vendidos o día da súa saída, ficaron reducidos á cuarta parte ao longo dos días. A editora fixa o prezo libremente e Apple ingresa o 30% das vendas. As editoras poden ofrecer as mesmas subscricións desde fóra da tenda de Apple, pero nunca cun prezo máis baixo. Iso quere dicir que non poderán xogar fóra coa marxe de Apple. Hai no anuncio tamén unha frase que está a ser comentada nos medios especializados: “As editoras non poden incluír na publicación ligazóns a sitios externos onde os usuarios poidan mercar o mesmo artigo.”, privando así os provedores de contidos, pois non só afecta ás editoras e librarías como Amazon, senón tamén a outros servizos por subscrición como Netflix ou Hulu, de redirixir tráfico cara ás súas propias páxinas de venda. Unha aposta forte de Apple confiada na súa posición de vantaxe, que podería chegar a reconsiderar en función dos avances do Android Market.

Por outra banda, Google anunciou onte One Pass, un servizo de aloxamento de contidos para o seu consumo online dirixido ás editoras pagamento e xestión de pagamentos dirixido a editoras de prensa. Parece que estará dotado dun CMS flexíbel e unha pasarela de comercio electrónico que permite subscricións e pagamentos puntuais a través de Google Checkout. Aparentemente, Google non cobrará ningunha porcentaxe do prezo fixado polo vendedor, senón que percibirá arredor dun 2% de todas as transaccións efectuadas a través de Google Checkout, como vén facendo con ese servizo. As editoras poderán importar os seus usuarios a través dun sistema de cupóns. Os usuarios pagan unha vez e poden acceder aos contidos desde calquera dispositivo, PC ou móbil, co seu identificador.

O servizo é ofrecido inicialmente en Canadá, Francia, Alemania, Italia, España, Reino Unido e nos EUA e a páxina xa ofrece todas estas linguas.

Enviar páxinas do móbil para ler no PC

Standard

Esta imaxe é un código QR. Se tedes un móbil Android e instalades nel unha app de lectura de códigos como o Barcode scanner, poderedes escanear os codigos QR e, por exemplo, acceder directamente aos sitios de instalación de applicacións, xa que estes códigos representan urls.

Pois ben, o código da imaxe corresponde ao sitio dunha app. para Android chamada Quick Save, que permite gardar as páxinas que vemos no móbil na nosa conta de Read it later, para poder lelas con calma desde o PC:

1. Abro conta en Read it later.

2. Instalo Quick save no móbil. En settings conéctoo con Read it later.

3. Reviso Twitter, Facebook, Reader desde o móbil.

4. Abro as ligazóns e escollo compartir a través de Quick Save as que quero ler con calma desde o PC.

5. Unha vez no PC leo as ligazóns enviadas desde o móbil.

Breve análise do mercado editorial dixital (I)

Standard

Sorprendeume atopar no WSJ a afirmación rotunda de que os sistemas de autoedición dixital están a crear un novo nicho no sector do libro que supón unha ameaza para a industria tradicional. Se ben as vendas de libros en papel caeron o 1.8% en 2009, o equivalente a case 24 millóns de dólares, as de ebooks multiplicáronse por 3 e chegaron aos 313 millóns de dólares, e xa supoñen entre o 5% e o 10% do mercado editorial estadounidense.

En España disque os ebooks non se venden ben e que representan menos do 2% do mercado, pero a verdade é que o catálogo é aínda moi escaso e, de non ser polas editoras de libro técnico, a porcentaxe sería aínda máis baixa. As plataformas estadounidenses comezan a apostar poderosamente pola autoedición: a Kindle Digital Text Platform, que ofrecía até agora o 35% dos ingresos aos autores que se autoeditaban, pasará a cederlles o 70% a partir deste mes, sempre que fixen os prezos dos seus libros por baixo dos 10 $. B&N lanzará este verán Publt!, mais os termos dos contratos de autoedición aínda non foron anunciados. Pola súa parte Apple acaba de lanzar un plan de autoedición e ofrece tamén o 70% aos autores, que teñen liberdade para fixar os prezos dos seus títulos. A experiencia nos di que os prezos por baixo dos 5$ axudan a que os libros se vendan mellor.

Cun pouco de lóxica é fácil entender que moitos autores, sobre todo se contan cunha comunidade de seguidores fieis, prefiran aceptar o 70% de 100.000$, que o 15% , no mellor dos casos, dos 200.000$ que ingresaría unha editora tradicional. Por iso plataformas como Amazon xa teñen conseguido asinar contratos con escritores supervendas como Stephen King. Hai voces que apuntan a que este novo modelo de negocio supón unha ameaza para a industria editorial tradicional en xeral, mais outras argumentan que a ameaza paira só sobre as editoras que non están a desenvolver un plan real de negocio co libro electrónico.

Grandes multinacionais do libro como MacMillan chegaron a retirar os seus catálogos de Amazon hai uns meses porque esta non lles permitía fixar prezos por riba dos 10$. Ao final Amazon tivo que ceder e aceptar o 30% das vendas sobre os prezos libremente marcados polas editoras; é o que se chama modelo axencia. Apple opera de modo similar e esixe ás editoras que non vendan a prezos máis baixos en ningún outro lugar. O resultado é que os prezos dos ebooks das multinacionais son só entre un 15% e un 30% máis baratos que as edicións en papel, e que, se nos contentamos con mercar exemplares usados, estes poden ser depositados no noso domicilio por menos cartos do que custan as versións dixitais. Non é o prezo a única desvantaxe: o DRM incorporado aos exemplares electrónicos empece a compatibilidade entre distintos dispositivos e aplicacións de lectura, e un cambio de máquina por parte do usuario pode facer que teña que deitar no lixo boa parte da súa biblioteca.

Que ofrecen a maiores as grandes plataformas multimarca? O máis importante de todo hoxe en día: un sistema automático de recomendacións baseado nas súas redes sociais, que dificilmente pode chegar a construír e cultivar unha soa editorial, por grande que sexa, porque os usuarios mercan habitualmente libros de distintas marcas, e nin sequera cada autor ten todas as súas obras nun mesmo selo editorial. Dáse o paradoxo de que nunha comunidade como a de Amazon, ou a de Apple, un libro autoeditado pode chegar a ser tan altamente valorado como outro lanzado por unha multinacional, acompañado dunha campaña poderosa de márketing. Apple e Amazon son conscientes do seu poder para chegar aos usuarios porque saben como se chaman, que libros prefiren e incluso que é o que máis valoran en cada obra que mercan.

E que está a acontecer en España? Este será o contido da segunda parte deste artigo: unha análise benintencionada dos pasos dados até agora polas grandes, as medianas e as pequenas editoras en España en xeral e en Galiza en particular, sobre as posibilidades e os limites que os precedentes internacionais supoñen para o noso mercado e os distintos escenarios posíbeis a curto e medio prazo en que nos pode tocar actuar.

iPad, Kindle, tablets Android e Google Books

Standard

Hai unhas semanas apareceu no mercado o iPad e hai poucos días a súa versión 3G. Como ordenador é cativo, os contidos son moi limitadiños porque hai que pasar pola iStore, pero ten 9 horas de autonomía e permite a conexión permanente á rede e a utilización de servizos de comunicación con comodidade. Esta suma de razóns fai que se teñan vendido xa arredor de 1 millón de unidades. De acordo que é o aparello ideal para un tipo concreto de consumidor, ou máis ben, para os usuarios que se senten unicamente consumidores e que valoran as recomendacións de Apple até o punto de cederlle o papel de editora das súas vidas. Para min non vale.

Canto todos os gurús daban por certo que o iPad acelerara a data de caducidade dos lectores de libros dedicados, Amazon anuncia unha nova versión do Kindle que promete andar moito máis fino e posibilitar a lectura social, apostando por ela como valor inescusábel do acto de ler no S XXI. O novo Kindle, tamén con conexión 3G, permite resaltar pasaxes memorábeis e levalas a unha páxina construída para a ocasión, onde aparecen todas seleccións enviadas por máis de 2 lectores. Ademais ofrece exportación de notas e fragmentos a Facebook e a Twitter. Tampouco me gusta: non quero atarme ao formato MobiPocket de Amazon porque Amazon non me serve como provedor principal de libros. Non quero cargar con dous aparellos, xa sei que isto xa o dixen moitas veces, se en realidade hoxe contamos coa tecnoloxía precisa para manexar unha soa máquina que sexa centro de comunicacións e fonte de lectura ao mesmo tempo. De todos modos, creo que o Kindle vai vivir a súa segunda idade de ouro, ou continuar a primeira, pola cantidade de persoas que non queren realmente un ordenador senón un libro, e que atopan en Amazon todos os libros que desexan, ou desexan algúns de todos os libros que Amazon lles recomenda, que neste caso acaba sendo o mesmo.

Efectivamente, eu quero o seguinte da lista, ese do que Steve Jobs di “quen queira porno, que merque android”: un tablet co sistema operativo Android, de entre 7″ e 9″, con conexión 3G, que iguale a autonomía do iPad e o seu peso, que teña webcam e que non supere os 300 €; e, ou moito me equivoco, ou o verán será a data de inflexión para atopalo no mercado e que o meu desexo se volva necesidade. A partir dese día usarei o móbil só nas ocasións en que precise non levar ningún tipo de bolso.

Deixo Google Books para o final simplemente porque acaba de anunciarse que, tal e como prometeran hai aproximadamente un ano, van abrir o chiringuito entre finais de xuño e comezos de xullo. A partir desa data, cun tablet con android, ademais de mercar libros en calquera outro lugar, de nolos prestar cos amigos e mesmo escribilos, poderemos mercarllos a Google e lelos online, con calquera aparello conectado á rede, conservando as marcas de lectura porque xa non as gardaremos no dispositivo senón na nosa conta, como os correos de Gmail ou outros libros de servizos similares como o Bookworm do O’Reilly.

WordPress para Android

Standard

QR Tag for current URL open in your web browserA versión anterior de WordPress para Android tiña certos problemas que facían que ficase atorada cando tentabas subir fotos. Mais hoxe actualiceina para a última versión e vai perfecta. Ao introducir usuario e clave permite xestionar todos os blogues adscritos ao teu usuario e anotar, borrar e editar anotacións. A subida de fotos funciona perfectamente, tanto desde a galería do móbil como o acceso á cámara desde WP para tirar unha nova foto e subila directamente ao blogue. Anteriormente utilizaba para este fin servizos externos como Shozu ou Pixelpipe, mais o problema que presentaban era que as imaxes non subían realmente ao blogue, senón que só aparecían nas anotacións a través de ligazons, o que significa que en caso de desaparecer o servizo ou borrar a túa conta, as imaxes desaparecerían automaticamente do blogue; e, en caso de facer un backup dos contidos aloxados no blogue, esas imaxes nunca estarían incluídas entre os datos, só as ligazóns para os servizos externos.

Se tes un móbil con Android, podes instalar desde o Android Market un lector de códigos como o Barcode Scanner. Esta aplicación permitirache ler o cadriño que aparece nesta anotación, que che presentará unha ligazón para instalares a aplicación de WordPress cun par de clics.

Aldiko: un bo lector de libros para Android

Standard

Desde que nos pasamos aos móbiles de Android, levamos experimentando moitos tipos de ferramentas, e unha das que nos teñen máis satisfeitos é Aldiko, unha aplicación tan sinxela como áxil para ler libros e organizar as nosas bibliotecas. Polo de agora non tivemos problemas de formatos, sempre e cando os libros non veñan blindados aos cambios, claro.  Podemos escoller fondo branco ou negro, dependendo de se estamos a ler con luz ou ás escuras, axustar o contraste, o temaño da tipografía, deixar marcas de lectura… en fin, todas esas cousas que tanto traballiño lles custa executar a algúns lectores dedicados.