Pelachada no Día da muller

Standard

Estabamos almorzando e non foi propositado senón in medias res, como tantas veces.

-Eu sei que no mundo hai máis mulleres que homes.

-Si, que é certo. Poucas máis pero é verdade, pelacha.

-E sabes como o souben?

-Mmm, dixéroncho no cole?

-Non, pero vexo que no parque sempre hai moitas máis mulleres que homes.

-Tamén é certo pero é por dúas razóns: hai máis homes que mulleres que traballan fóra da casa, e ademais, normalmente aos papás gústalles menos ir ao parque que ás mamás.

-Ah.

-Hoxe é o Día da muller.

-Ah, si? Pero quen o decidiu?

-Creo que os gobernos de moitos países. (agora sei que foi a ONU)

-E cando é o Día do home?

-Que eu saiba non o hai.

-Por que?

-Porque o Día da muller serve para lembrar que hai moitísimas mulleres que viven en situacións peores que as dos homes, con menos dereitos, gañando moito menos polos mesmos traballos…

-Pois iso non pode ser! Temos que estar mellor que os homes! MOITO MELLOR!

-Non, muller, o bo é que todas as persoas teñamos os mesmos dereitos de verdade, pero para iso aínda falta moito.

Galileo e a monarquía

Standard

O primo J. conferenciaba para a súa irmá, a prima P.

-Arteixo está en Coruña, Coruña en Galicia, Galicia en España, España en Europa e Europa no planeta Terra. A Terra xira arredor do Sol e están na Vía láctea. Na Vía láctea hai máis planetas: Mercurio, Venus, a Terra, Marte, Xúpiter, Saturno…

Entón interveu a mai dos primos.

-Sabedes, Xúpiter tamén ten lúas e Galileo foi o primeiro en velas.

Entón o primo J. preguntou.

-En que ano foi?

-En 1610

-E que día?

-O 7 de xaneiro. Viunas co seu telescopio.

Entón a prima P. tivo unha das súas saídas gloriosas.

-OHHHHHH, que llo trouxeron, os reis?