O pelacho filosofa

Standard

-Sabes, mamá, nunca terei clase co mesmo profesor.

-Por que, pelacho?

-Porque el cumpre anos e días, e eu tamén.

-Algo parecido dixo un filósofo hai moitos anos, que non te podes bañar dúas veces no mesmo río.

-Si, xa mo dixo papá.

-E lembras como se chamaba?

-Non.

-Chamábase Heráclito.

-Non será Acrílico? Hehe. Esa frase ten dous sentidos, un verdadeiro e un falso. Polo lado enxeñoso, a auga cambia e nunca é o mesmo río, nin ti a mesma persoa. E polo lado elemental, hai un conduto de auga que recibe un nome, e a ese volves, e é o mesmo.

-Estou de acordo contigo, pelacho.

Metáforas

Standard

O venres pasado voltabamos da cea de aniversario do pelacho. Parece ser que 10 anos son máis que suficientes como para non querer ter unha festa de xogos, nin sequera na casa, pero si unha cea nun buffet libre asiático con adultos e rapaces sentados en distintos lugares.

Entrando pola porta o pelacho sentenciou:

-Estoy cansadísimo. Necesito un relevo de alma.

Os pelachos reflexionan

Standard

A pelacha di que o vaso sobre a mesa está medio baleiro. Eu pregúntolle se non estará medio cheo e fica pensativa.

-Por que me dis iso?

-Porque o mesmo vaso, coa mesma cantidade de auga, hai quen o ve medio cheo e hai quen o ve medio baleiro.

O pelacho, sen ver o vaso, vén polo corredor afirmando que el o ve medio cheo porque é optimista.

A pelacha dálle un par de voltas máis na súa cabeciña e conclúe:

-Pois eu véxoo medio cheo e medio baleiro. A parte de abaixo chea e a parte de arriba baleira.

Teño unha PDI e sei como usala!

Standard

Onte tivemos unha entrevista co titor do pelacho. Contounos que a súa aula está integrada no Proxecto Ponte dos Brozs da FAO, para a que habitualmente impartimos formación en aplicacións educativas das TICs, que teñen PDI na aula e que estaban agardando que os técnicos rematasen de clonar os portátiles para comezar a usalos a diario, polo menos 10 horas á semana e en todas as asignaturas.

Saímos encantados co plan, e cunha impresión fantástica sobre o titor, quen tiña moi claro que os aparellos son só aparellos, como é certo, mais son os aparellos dos nosos tempos, que compre manexarmos con soltura e aprender a apoiarmonos neles cando é preciso, para desenvolvernos cómodos no noso contorno e dedicar os grandes esforzos ao verdadeiramente importante.

Non hai que dicir que o pelacho foi o primeiro sorprendido e faltoulle tempo para contar as novidades cando chegou o primeiro día do colexio.