aRtropocode 2014 na Normal

Standard

cropped-banner_fb1

 

Do 17 ao 21 de setembro, como quen di a partir de mañá e non se equivoca, ten lugar o SummerLabGA2014. Nós pasaremos algún dos días, aínda que ben me gustaría acampar como farán outrxs e non perder detalle. O programa ten unha pinta boísima e será un lugar para aprender moitas cousas. Grazas, Beka Iglesias e o resto do equipo por facer cousas tan chulas.

Torre de Breogán

Vídeo

Isto é un pequeno fragmento do concerto de Luar na lubre coa Sinfónica de Galicia hai uns días no Palacio da ópera da Coruña.

Foi unha experiencia única escoitar e ver tanto talento xunto dun grupo que soa tan sumamente ben e compasado, logo de 30 anos xuntos. A sala, chea que rebordaba. E de súpeto a beleza en forma de música rodeounos. Música nosa, fiada na roca da nosa tradición, do noso patrimonio cultural, dunha parte da nosa riqueza maltratada e ameazada, mais tan linda, que non puiden evitar as bágoas a rodaren pola miña face. Sei que Marisa me comprende, e calquera de vós se tivésedes estado alí.

Parabéns e longa vida, Luar na lubre!

O vídeo seguinte contén a ovación final, para que vexades que non esaxero.

adtlantida.tv: 4 últimos días de crowdfunding

Standard

Adtlantida.tv from Adtlantida.tv on Vimeo.

Coñeces Qik, Livestream ou Bambuser? Son apps que instalas no móbil e permítenche emitir vídeo ou audio en directo a través de internet, colocando un reprodutor en calquera páxina web ou blog. Contas cun espazo de almacenamento e os vídeos poden reproducirse tamén en diferido.

Adtlantida.tv vai ser así. Pero grazas a Beka Iglesias e a Berio Molina, teremos unha app en galego, sen publicidade e unha mediateca onde os nosos vídeos serán facilmente localizábeis. Con Adtlantida.tv poderemos emitir vídeo en directo non só desde un móbil, senón desde dous ao mesmo tempo por canal, para dar dous puntos de vista do mesmo acontecemento e sen censura.

O proxecto está en goteo.org E por 55€ podes ter conta de streamer o primeiro ano (a partir do segundo ano a app estará dispoñíbel para todo o mundo de balde). Tamén podes colaborar con cantidades menores, por suposto.

Esta xente necesita apoio e o seu proxecto é vital para a nosa cultura. Por primeira vez teremos unha mediateca ben visíbel na que ir construíndo entre todas a memoria do noso povo e que non estea a expensas de que ningún goberno poida eliminalo, como acontecera con flocos.tv. O poder da imaxe no móbil desde unha aplicación en software libre, comunitaria e totalmente de balde feito realidade por Beka Iglesias e Berio Molina. É importante que colaboremos!
Páxina web oficial do proxecto: adtlantida.tv

Vento Lois

Standard

Foi un exitazo. Cando unas 400 persoas se reúnen un domingo pola mañá do día máis lindo do ano até o momento para lembrar a Lois Pereiro e ler os seus poemas, é que algún potente interese as une, como creo que é o caso co Día das letras 2011. Moitos amigos que había ben tempo que non viamos, un teatro Rosalía que fervía, moitas voces lembrar a voz dun deses grandes que marchou demasiado cedo.

Alfredo gravou un vídeo que editaremos nos próximos días mais como petisco vou deixa aquí o vídeo do streaming co meu teléfono móbil, que algo é algo.

Achegarte 2011

Standard

O 2 e o 3 de abril terá celebrarase a 2ª edición de Achegarte, a festa da cultura organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Polo que nos contan, o programa está xa completo, inzado de petiscos de espectáculos escénicos, presentacións de libros, conversas con creadores e creadoras e obradoiros especialmente orientados este ano ao público máis novo. Tamén son moitas as librarías, asociacións e editoras que terán os seus espazos en Achegarte para exhibir os seus traballos e as súas iniciativas. Nós recuncaremos cun stand de Blogaliza, dispostos a falar de blogues e de todo o que teñan a ben as nosas visitas.

Este ano ademais, ponse en práctica un exercicio de reflexión ao que estamos convidadas todas as persoas que nos sentimos parte da cultura galega a través do Foro sobre o estado da cultura. O plan é reunirmos ideas e conversar durante os días previos a Achegarte e despois alí en Palexco, reunirmos para sintetizar e redactar esas ideas en forma de manifesto para cada unha das áreas de actividade cultural. Gravaremos en vídeo as lecturas de todos os manifestos e darémoslles ampla difusión para elevar a voz común sobre o que os nosos logros, sobre o que nos preocupa, sobre o que nos limita e sobre as nosas necesidades. Gustaríame convidarvos a participar con comentarios, con preguntas, con queixas, con propostas. Máis que nunca é importante facernos escoitar.

Resumo FICOD

Standard

Como dicía na miña anotación analóxica feita a poucos minutos de embarcar en Barajas, volto moi contenta polos contactos feitos con editoras, de cara a prestarlles servizos de maquetación de EPUBs para libros con vídeos, imaxes e audios embebidos, así como para proporlles distribuír os seus contidos en diversas plataformas locais e internacionais. Só por esta razón xa pagou a pena; pero ademais gostei de respirar o ambiente dixital de FICOD10. Sorprendeume, debo recoñecelo, que o noso sector perde externamente a súa roupaxe alternativa e a proporción de executivos traxeados e de executivas de tacóns altos, aumentou sensibelmente en comparación coa edición do ano pasado. Xa non somos tan hippies.

Por outra banda, penso xa na edición de 2011. Haberemos de dar un paso máis e probabelmente optarmos a un espazo de presentación oficial de proxectos.

Canto ao sector editorial dixital, non houbo grandes sorpresas explícitas, mais si a miña percepción subxectiva de que a división de internet en varias canles, a internet de primeira clase, de pago, e a de segunda, está cada vez máis próxima. Mágoa.

Vídeo da mesa “¿Existe algún modelo sostenible en el sector de las publicaciones?”