2008

Standard
peixe do pelachoXa está aquí. Os plans eran pasarmos a derradeira noite do ano en casa dos avós mais o pelacho amañeceu coa varicela onte, coas lavercas como dicía a tataravoa, na casa da tía T. visitou a febre ao tío D. ao primo J. e á prima P., así que finalmente nós ceamos na nosa casa e os tíos na súa cos avós, que viven ao carón.
Malia non ser o planeado pasámolo realmente ben. Xogamos un Monopoli e unhas partidas ás cartas dos peixes para facermos tempo até a cea e tomamos as uvas os catro xuntos. O pelacho, como o ano pasado, comeunas todas en tempo. A pelacha dixo que non as quería pero axudou a sacar as pebides das do pelacho. Cando entramos no novo ano abrazámonos todos e enchémonos de beixos. Hoxe comeza un novo ano, dixemos eufóricos, e a pelacha preguntou: -Para mí también? Entonces eso quiere decir que estoy de cumpleaños?
Hoxe erguémonos todos arredor das doce. En canto estiveron listos o papá e a pelacha marcharon á aldea, como facemos todos os anos, a xantar coa bisavoa Obdulia, os tíos Jesús e Eva e os avós da Coruña. O pelacho e mais eu ficamos este ano na casa. Voltaremos todos nun par de semanas.
Está a ser este un Nadal un bocado atípico. Por unha banda estamos cargadísimos de traballo, que semella que non nos vai deixar tempo para nada máis, e por outra teño a sensación de que estamos a desfrutalo a tope e a facermos moitas cousas.
O outro día pasamos a mañá na piscina. A pelacha non lembraba como era e preguntou un cento de veces pola area do fondo. Ao final ficoulle claro que nas piscinas non hai area, que iso é cousa da praia. A ver se imos un día destes catar a pista de xeo tamén.

A avoa C. sempre ten un ovo Kinder para os netos. O pasado día dos Inocentes descubriron unha sorpresa diferente das habituais: uns atoparon olivas e outros allos nos seus ovos, coreados entanto os abrían con sonoros INOCENTE, INOCENTE! por parte dos adultos. O pelacho ficou fascinado e divertido e, para satisfacer a súa curiosidade preguntou: -Pero abuela, ¿Cómo has conseguido recrear el huevo?

De pezoñas e outros males

Standard

Logo de xantar, a avoa C. púxome ao día sobre os aconteceres da mañá cunha seriedade pouco habitual nela (previamente xa me contara que a pelacha arrincara Blutak da parede do cuarto dos xoguetes para darllo a comer á prima P. como se fose chicle).

-A ver pelacha, cuéntale a mamá lo que le hiciste a la prima P.

-Le di blutak. Dixo toda seria, tamén.

-¿Y por qué le diste blutak? Preguntou a avoa aínda máis seria.
-Poque yo pensaba que era chicle pedo sólo eda veneno…