Culturgal 09

Standard

Este é o texto do correo que acabo de enviar ás case 700 persoas que se uniron ao grupo desde que se creou, o venres pasado. Realmente, dada a resposta, Facebook facíase pequeno, sobre todo porque é unha rede pechada na que non está todo o mundo. Por iso abrimos hoxe un blogue. Mais a información está toda no correo que aquí deixo:

” É fantástico ver o ben que podemos organizarnos cando temos motivos. Xa somos case 700 membros no grupo Queremos Culturgal09!
Acabamos de abrir o blogue oficial da plataforma en Blogaliza:  http://queremoscultura.blogaliza.org
Agora, se dispós dun tempiño e ganas de dedicalo a colaborar para que Culturgal 09 sexa unha realidade, é moi importante que cubras o formulario que atoparás no blogue:

http://queremoscultura.blogaliza.org/consulta/

No blogue poderás ver en tempo real as estatísticas de colaboracións ofrecidas e todas as noticias relacionadas co Culturgal que vaian aparecendo. Tamén incluímos un resumo das conversas que tivemos desde venres até hoxe coa Asociación de Editores e coa Concelleira de Cultura do Concello da Coruña.
Lembra que non podemos nin debemos traspasar os membros deste grupo ao blogue, senón que debe ser cadaquén, a título individual, quen se una á plataforma a través do formulario do blogue.
Vémonos alí!
Unha última cousa: o blogue é xa público, polo que, se queres contribuír a difundir a súa existencia, será xenial que o fagas. É moi importante que cheguemos a todas as persoas que poidan estar interesadas.
Se precisas algunha aclaración sobre calquera dos puntos, podes facela tamén directamente nos comentarios do blogue, sobre todo porque fican á vista de calquera persoa que o visite, e porque deste modo non é preciso responder varias veces ás mesmas preguntas.
A cultura que queremos!”

Culturgal09

Standard

Creo que o feito de que a Xunta non apoie o Culturgal09 non é razón para que non se faga, creo que debemos facelo coa axuda da cidadanía.

Acabo de abrir un grupo no Facebook para organizarnos as persoas interesadas en que se celebre Culturgal09. Ten 10 membros en 30′ de vida. Se hai xente interesada podemos abrir un blogue e sacar a conversa fóra do Facebook.

Texto do grupo aberto en Facebook:

“Como non é preciso o diñeiro da Xunta para facer a cultura que queremos, ofrecemos a nosa colaboración para podermos celebrar o Culturgal 2009.
Podes escribir un comentario explicando o que estás dispost@ a facer polo Culturgal 2009.
Se che parece pertinente podes convidar a se uniren outras persoas que penses que poden estar interesadas.
Se consideramos que somos suficientes para nos poñer a andar, podemos levar a conversa a un blogue, onde a xente que non está no Facebook tamén poida participar.”